Pouco a pouco Nubia vaise introducindo no noso país cos seus trebellos, ofrecendo un portfolio que combina unhas prestacións de calidade cuns prezos bastante accesíbeis.
Neste Mobile World Congress Nubia anunciou a chegada do N1 Lite ao noso país. Trátase dunha versión alixeirada do N1, e poderase mercar a finais de marzo ou comezos de abril por 159 euros, un prezo bastante axeitado para as prestacións que leva.
O Nubia N1 Lite leva unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución 720 x 1280 píxeles (267 píxeles por polgada), e no seu interior incorpora un procesador de catro núcleos, xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.
A cámara principal é de 8 megapíxeles, con dobre flash LED, mentres que a dianteira queda nos 5 Mpx, aínda que tamén ten flash. A súa batería é de 3000 mAh, dispón de lector de pegadas dixitais na parte traseira e Android 6.0 como sistema operativo.
Que vos parece?