Primeiras impresións do LG G6

Dixerido o Mobile World Congress é o momento de falármonos un pouco máis en profundidade dalgunha das cousas que vimos por aló, e na listaxe das grandes novidades non podía faltar o LG G6. O novo buque insignia do fabricante surcoreano sorprendeunos no lanzamento, tanto polo seu coidado deseño como por fuxir da modularidade do G5.

Especificacións

A modo de resumo, lembramos as principais especificacións do LG G6:

  • Pantalla de 5,7 polgadas (1440 x 2880 píxeles, 564 píxeles por polgada) con protección Corning Gorilla Glass 3
  • Procesador Qualcomm Snapdragon 821
  • 4 GB de RAM
  • 32 ou 64 Gb de memoria interna (ampliábeis por microSD de 256 GB)
  • Cámara traseira dual, ambas de 13 megapíxeles, unha con apertura f/1.8 e outra f/2.4
  • Cámara fronal de 5 megapíxeles con apertura f/2.2
  • Batería de 3300 mAh
  • Lector de pegadas dixitais, NFC, 4G, USB Tipo C…

Deseño, cámara e pantalla: as grandes armas do LG G6

O LG G6 ten tres puntos fortes. O primeiro, e máis evidente, é o seu deseño. Tras abandonar a modularidade, LG apostou por un dispositivo que combina o metal co cristal nun deseño unibody. Isto tamén supón rachar cunha teima histórica na defensa de modelos con batería extraíbel, mais neste caso o público manda, e LG sóubose adaptar ao que pide o público actual, ofrecendo un dispositivo compacto e con resistencia á auga segundo o estándar IP68.

Tamén hai que destacar o coidado das liñas, especialmente na parte traseira, onde foron quen de facer que a cámara non sobresaia do corpo do dispositivo, facéndoo máis atractivo.

Por outra banda, a pantalla namora a primeira vista. LG conseguiu reducir os marcos e facer que un modelo de 5,7 polgadas sexa un dispositivo compacto. Ademais, estrean formato, cun ratio de pantalla 18:9 que segundo aseguran é moito máis acaído para as necesidades actuais. Sexa certa ou non esta afirmación, o que si que é verdade é que esta pantalla ofrece moito máis espazo para traballar en horizontal, algo que nas probas que puidemos facer na feira resultounos moi atractivo.

Por último, no aspecto fotográfico volven postar pola dobre cámara posterior para conseguir mellores resultados, mais tamén para poder facer gran angular, aínda que reducindo os graos que conseguía o LG G5. En canto á aplicación de cámara, dispón de modo automático e un modo manual que permite xestionar moitos aspectos do sensor, así como tamén de opcións para sacar partido ao “dobre cadrado” da relación de pantalla.

Teremos que agardar unhas semanas para poder facer unha análise completa do dispositivo, que por suposto compartiremos con todas vós no blog.

Sobre o autor

Reply