Analizamos a Microsoft Surface 4 Pro

O 18 de xuño de 2012 Microsoft anunciou a súa primeira Surface, un dispositivo 2 en 1 que combina o mellor das tablets co mellor dos ordenadores. Desde aquela, e coas sucesivas versións, a Surface foi facéndose oco, e hoxe en día é unha das mellores opcións para traballar en mobilidade.

Durante o último mes estivemos probando a última versión. Trátase da Surface Pro 4, un dispositivo que nos deixou moi bo sabor de boca e do que hoxe queremos falarvos polo miúdo.

 Especificacións técnicas

A Surface Pro 4 mellora en todos os aspectos, mais para comezar imos centrarnos na parte técnica. O trebello incorpora unha pantalla de 12,3 polgdas PixelSense, cun rato 3:2 e unha resolución de 2736 x 1824 (267 píxeles por polgada, dúas cámaras de 720p HD (na parte frontal e na posterior), conectividade Bluetooth 4.0 e WiFi (802.11 a/b/g/n), porto USB 3.0, lector de tarxetas microSD, Mini DisplayPort e SurfaceConnect para o dock.

O procesador e a memoria varía segundo o modelo concreto. Os procesadores son Intel Core m3 ou i5 ou i7 da xeración Skylane, a RAM pode ser de 4, 8 ou 16 gB e a capacidade da memoria interna de 128, 245 ou 512 GB. No noso caso estivemos a traballar cun modelo intermedio, con procesador i5, 8 GB de RAM e 256 GB de disco.

Deseño

Pasemos a falar de deseño. A Surface 4 Pro destaca polas súas contidas dimensións, especialmente no que ten a ver co grosor. Ten unhas medidas de 292,10 x 201,42 x 8,45 milímetros, e un peso que varía entre os 766 e os 786, dependendo da configuración escollida.

Os conectores (corrente, USB, Mini DisplayPort…) sitúanse no lateral dereito do dispositivo, quedando os botóns na parte superior, e o lector de tarxetas no lado esquerdo. Se ollamos a sección da Surface vemos que a tapa de atrás está separada por unha pequena fenda, que se emprega para disipar o calor de forma pasiva, aínda que cando forzamos as máquinas actívase un sistema activo a modo de ventilador.

Mirando desde atrás temos tamén unha lapela que ao abrila fai de base para poder manter o trebello en vertical. Ao igual que na anterior versión que probamos, pódese axustar á inclinación que queiramos, resultando moi versátil.

Teclado e lapis

O teclado (Type Cover) véndese por separado, mais é un elemento imprescindíbel para sacarlle todo o partido á Surface. Malia que esta “funda con teclas” é un dos grandes valores da Surface, desde a primeira versión á deste modelo hai únha diferencia abismal: podemos empregalo en dúas posicións, unha totalmente plana e outra con certo grao de inclinación, moito máis cómoda cando temos o dispositivo apoiado sobre unha superficie plana. Así mesmo, as teclas son máis grandes e teñen certa iluminación, o que facilita moito o seu uso.

O lapis vén de serie co dispositivo, e malia non contar cun espazo específico para el, o certo é que vén equipado cunha zona magnética que fai que se pegue ao lateral do trebello dunha maneira moi segura, facéndoo ideal para o seu transporte.

O seu cometido fundamental é servir para escribir e debuxar, e o certo é que podemos levar a cabo ambas accións de maneira segura e precisa. Microsoft aumentou os níveis de presión que é capaz de detectar até os 1024, o que fai unha idea da precisión que ten. Así mesmo, está equipado cun botón que ten preprogramadas varias accións para un acceso rápido a OneNote, a capturas e pantalla ou a Cortana)

Pantalla

A pantalla, de 12,3 polgadas, pareceunos un dos puntos fortes deste modelo. O seu tamaño resultounos axeitado para un uso mixto tablet – portátil, mais oude máis nos sorprendeu foi na súa calidade, fidelidade da cor e brillo. Tamén chama a atención a gran precisión como panel táctil, algo que empregando programas de Windows deseñados para empregar con punteiros de rato é de agradecer.

Autonomía

En canto á batería, tivemos experiencias diferentes, dependendo do que estiveramos a facer co trebello, aínda que como media conseguimos unhas catro horas de uso. Como curiosidade, o cargador oficial ten unha saída USB, o que nos permite conectar outro dispositivo para poder cargalo ao mesmo tempo que a Surface 4 Pro, algo que é de agradecer.

Conclusións

A Surface 4 Pro é un dispositivo orientado a mobilidade, e nese aspecto é un mellores dispositivos que temos probados. Non só é lixeiro e fno, senón que ademais resulta moi versátil e conta con Windows 10, un sistema operativo que nos ofrece bastante versatibilidade para traballar con todo tipo de programas e documentos.

Nos días que traballamos con el non tivemos problemas ao empregar diferente software, tanto ferramentas básicas (navegadores, procesador de textos…) como algunhas outras que precisan de máis potencia (software específico e xogos), se ben é certo que nalgúns casos notamos como entraba en funcionamento o sistema de refrixeración activo, máis ruidoso que o sistema pasivo que abonda nun uso básico.

O seu prezo varía moito dependendo da versión escollida, e na páxina web de Microsoft podemos ver as diferentes opcións. Como comentario adicional, o estudantado, profesorado e persoal universiatrio ten un 10% de desconto

Máis info | Microsoft

Sobre o autor

Reply