Analizamos o Huawei P10, que se pon á venda esta semana

Huawei apostou forte por este último Mobile World Congress, onde anunciou os novos Huawei P10 e P10 Plus, ademais do seu Watch 2. A estratexia do fabricante chinés foi adiantarse aos seus principais competidores para chegar antes ao mercado cun dispositivo de gama alta que no noso país vaise pór á venda esta mesma semana.

Logo dun par de semanas probando o novo Huawei P10 a fondo, é o momento de facer a súa correspondente análise, para coñecer o actual trebello referencial de Huawei.

Deseño, acabado e conexións

O Huawei P10 supón un avance en deseño, o que demostra a plena madurez acadada por Huawei. O trebello é un dispositivo de escaso grosor e marcos comedidos, e cunha aposta clara por redondear todas as aristas, tanto cando falamos das catro esquinas como en todos os bordes.

A frontal do dispositivo está practicamente baleira, agás pola presenza (necesaria) da cámara, altofalantes e sensores na parte superior, e do lector de pegadas dixitais na parte inferior, integrado dunha maneira moi discreta. No lateral esquerdo sitúase a bandexa extraíbel, onde poderemos introducir dúas tarxetas nanoSIM ou unha nanoSIM e unha tarxeta de expansión de memoria, mentres que do lado contrario temos os botóns de acendido e os controis de volume.

Pasando á parte traseira do trebello atopámonos cunha superficie lisa e uniforme, que só se ve quebrada pola banda superior, onde temos a dobre cámara firmada por Leica, xunto co seu flash LED e un sensor de infravermellos. Xa na parte inferior do trebello temos o altofalante principal, xunto co conector USB Tipo C e o jack de audio 3.5.

Hardware e rendemento

Pasemos a falar do seu hardware. No interior do novo Huawei P10 temos un procesador da propia casa, o modelo HiSilicon Kirin 960, de oito núcleos (catro a 2,4 Ghz Cortex A73 e outros catro a 1,8 GHz Cortex A53). Xunto a el, 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, que aínda que serán máis ca suficientes para a meirande parte das usuarias, poden ampliarse mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

A conectividade é un dos seus puntos fortes, apostando por integrar soporte á práctica totalidade das bandas de Internet móbil a nível global, o que lle permite conectarse ás máximas velocidades de rede. Leva tamén Bluetooth 4.2, GPS (A-GPS, GLONASS, BDS e GALILEO) e conector USB Tipo C.

No tempo que levamos probándoo achamos que se trata dun trebello con potencia bruta, capaz de rendir moi ben facendo todo tipo de traballos, mesmo cos xogos máis exixentes. Porén, é certo que cando o poñemos a pleno rendemento acusa certo quecemento, nada exaxerado e fóra do normal, pero si evidente.

Mención especial merece o sensor de pegadas dixitais, quizais o máis rápido e preciso de todos os que levamos probado até o día de hoxe. Un traballo impecábel por parte de Huawei que cómpre destacar sobe a competencia, sobre todo nun momento no que os pagos móbiles están en auxe.

Pantalla

A pantalla é un panel de 5,1 polgadas con resolución Full HD (1080 x 1920 píxeles, 432 píxeles por polgada. Huawei segue sen dar o paso a QHD, descoñecemos se por seguir pensando que é unha excesiva resolución para as capacidades do ollo humano ou por ser prudentes e non facer que unha pantalla de maior calidade implique tamén unha importante redución da autonomía.

Dispón dunha lixeira curvatura 2.5D en ambos lados que fai máis suave a transición pantalla – teléfono, e protección Corning Gorilla Glass 5, que asegura que non se nos vai raiar á primeira de cambio se o levamos nun peto coas chaves ou romper tan facilmente se cae ao chan.

A experiencia con ela é bastante boa. En termos xerais temo unha pantalla con gran claridade, cores definidas e un brillo óptimo. En exteriores tamén se defende ben, algo que sempre é de agradecer.

Cámara

Huawei volveu apostar neste P10 por unha combinación de dúas lentes LEICA na parte traseira do dispositivo. Un dos sensores é de 12 megapíxeles (RGB) e outro de 20 (monocromático). A súa apertura é de f/2.2 e dispoñen de flash LED de dobre ton.

A combinación destes dous lentes permítenos xogar cos desenfoques, facer capturas en branco e negro e, sobre todo, ter uns mellores resultados cando tomamos fotografías de persoas a curta distancia. Non en van, esta é unha das características que Huawei promociona, acertadamente.

Un dos seus puntos fortes é o zoom óptico. Ao facer unha combinación dos dous sensores, Huawei é capaz de manter  a calidade, algo que non sempre acontece cando estamos a falar de ampliacións dixitais. Así mesmo, e en parte ligado a isto, tamén é digno de destacar o efecto “desenfoque”, algo que podemos levar a cabo a través dun sinxelo botón deslizante.

En resumo, as fotos que podemos conseguir con este trebello son de gran calidade e unha representación bastante fideligna da realidade, aínda que ben é certo que nalgúns escenarios moi concretos poden acusar certo procesado artificial. Como sempre, no noso perfil de Flickr deixamos unha galería a modo de mostrario.

Batería

A batería do Huawei P10 é de 3200 mAh, unha capacidade que para un uso normal nos permite acabar o día sen problemas, aínda que tampouco grandes luxos: todas as noites tivo que pasar polo cargador para garantir termos o teléfono cargado para afrontar unha nova xornada.

Como vén sendo habitual nos últimos tempos, o dispositivo vén cun sistema de carga rápida, neste caso ultrarrápida. Trátase do SuperCharge que xa vimos no Mate 9, unha tecnoloxía que reduce moitísimo os tempos de carga, permitíndonos ter o noso trebello a punto en poucos minutos.

Software

Huawei saca este trebello ao mercado con Android 7.0 Nougat, a última versión de Android dispoñíbel. Sobre ela estrea EMUI 5.1, a última versión da súa capa de personalización, que non supón moito avance fronte a anterior e resulta moi intrusiva, en canto a termos unhas iconas moi modificadas e unha personalización baseada en temas.

Como sempre dicimos, isto é un mal menor, pois hoxe en día temos na Play Store ducias de aplicacións que nos permiten modificar a apariencia dos nosos Android, adaptándoa aos nosos gustos.

Conclusións

O Huawei P10 é o dispositivo co que Huawei quere xogar na liga “dos maiores”, e medirse con modelos como o LG G6 ou o Samsung Galaxy S8. A baza do prezo máis económico é un punto a traballar, Huawei sábeo e vaino usar no seu favor, pero o fabricante chinés é consciente de que isto non é o único que importa.

Por iso o Huawei P10 é un bo paso adiante, avanzando en todos os aspectos e ofrecendo algo diferente á competencia. Os seus puntos a favor son o seu deseño, ultradelgado e elegante, xunto co seu bo rendemento e unha cámara que supera as probas con nota. No outro lado da balanza, os principais puntos a mellorar serían a pantalla e a duración da batería.

Será un éxito de vendas, sobre todo a través das operadoras, xa que en prezo Huawei ten marxes máis amplos ca outras marcas, o que permitirá facer mellores promocións. Porén, as usuarias potenciais de modelos como o Samsung Galaxy S8 ou o LG G6 debería agardar ao Huawei P10 Plus, un dispositivo máis avanzado e con máis pantalla, que esperamos poder probar proximamente.

O Huawei P10 ponse á venda por 649 euros en varias cores. Ademais, facendo a pre-reserva pódese levar un Watch 2 de agasallo.

Sobre o autor

No Responses

Reply