O bq Aquaris X5 Plus é o primeiro terminal non Google que recibe Android 7.1

Ao mercar un novo dispositivo Android sempre nos asalta a dúbida de como vai xestionar o fabricante todo o tema de actualizacións ás novas versións do sistema operativo. Deixando de lado os buque insignia, a experiencia neste sentido adoita diferir moito entre uns e outros fabricantes, e na práctica adoita ser complicado sabermos a ciencia certa cal vai ser o soporte final.

bq vén de sorprendernos ao anunciar a actualización a Android 7.1 do seu Aquaris X5 Plus, anunciada por Google o pasado 27 de febreiro. Deste modo, este modelo convértese no primeiro trebello non Google que recibe a última versión de Android, que polo de agora está dispoñíbel no 0,4% dos dispositivos do mercado (Pixel e Nexus).

Esta actualización trae interesantes novidades que poderán disfrutar as usuarias dos bq Aquaris X5 Plus, como as notificacións agrupadas, un modo noite, o novo launcher ou o uso da pantalla partida, entre outras.

Coas notificacións agrupadas poderemos acceder rapidamente desde a barra de notificacións a unha previsualización das nosas mensaxes ou avisos de maneira rápida e máis completa, mentres que o modo noite adapta o brillo da pantalla para conseguir unha intensidade que nos moleste menos ao empregarmos o dispositivo a última hora do día

Por outro lado, coa actualización tamén podemos facer uso da pantalla partida, o que nos permite ter abertas dúas aplicacións en pantalla e levar a cabo moitas accións de maneira rápida. Tamén se facilita todo o tema de liberar espazo e acceder á cámara a través dun dobre toque no botón de acendido. A pantala tamén se acenderá cando o terminal detecte que o collemos na man para amosarnos as notificacións sen termos que premer ningún botón.

bq tamén estrea launcher de aplicacións, coa estética dos Google Pixel, así como unha nova aplicación de teléfono e xestión dos sms. O teclado tamén se actualiza para admitir gifs que poderemos compartir rapidamente cos nosos contactos, así como coa opción de facer buscas en Google sen ter que abandonar a conversa.

Todas estas novidades xa están dispoñíbeis para as usuarias do bq Aquaris X5 Plus. Se tes un destes modelos e non che saltou o aviso da actualización, podes tratar de forzala desde o menú de axustes, información de teléfono e actualización de software.

Máis info | bq

Sobre o autor

One Response

  1. José Carlos Valverde Juncal 18 Marzo, 2017 Responder

Reply