bq achégase á gama alta cos novos Aquaris X e Aquaris X Pro

Nos últimos anos o fabricante bq soubo posicionarse e abrir camiño nun mundo de xigantes. Cun portfolio de dispositivos de gama entrada e media, e sobre todo, cunha moi boa relación calidade – prezo, bq conseguiu gañar a confianza de moitas consumidoras.

Tras rexeitar asistir ao MWC 2017, a marca española vén de anunciar dous novos modelos, que lonxe de seguir acrecentando a gama media aspiran a máis: son o bq Aquaris X e o bq Aquaris X Pro.

bq Aquaris X Pro

O bq Aquaris X Pro integra unha pantalla de 5,2 polgadas con resolución Full HD (1080 x 1920). No seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 626, de oito núcleos a 2,2 GHz, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 ou 128 GB de memoria interna, que poderemos ampliar a través de tarxetas microSD de até 256 GB.

A aposta pola fotografía é máis que evidente, coa incorporación dunha cámara traseira de 12 megapíxeles Samsung Dual Pixel, con apertura f/1.8, que se completa cun sensor frontal, tamén Samsung, de 8 megapíxeles con apertura f/2.0.

Integrará tamén unha batería de 3.100 mAh, lector de pegadas dixitais, USB Tipo C, NFC e Android 7.1.1 Nougat. Ademais, virá con GPS e GLONASS compatíbel co sistema de navegación por satélite Galileo, e conectividade WiFi 802.11 b/n/ac de dobre banda, Bluetooth 4.2 e LTE.

bq tamén evoluciona nos acabados, apostando pola mixtura do aluminio en todo o marco lateral e o cristal na parte inferior. O que si mantén son os botóns capacitivos na parte inferior do dispositivo, e o lector de pegadas dixitais na parte traseira.

A diferenza de familias anteriores, o bq Aquaris X Pro incluirá un cargador na caixa do dispositivo para sacar todo o partido ás posibilidades de carga rápida Quick Charge 3.0 de Qualcomm

bq Aquaris X

Pola súa banda, o bq Aquaris X é un dispositivo algo máis modesto, aínda que comparte varias das especificacións co modelo “Pro”. Un dos principais cambios témolo nos materiais, onde o aluminio e o cristal vense substituídos por aluminio e policarbonato. Porén, é nas seguintes especificacións onte atopamos as maiores diferenzas:

  • 3 GB de RAM (X Pro 4 GB)
  • 32 GB de memoria (X Pro 64 ou 128)
  • Cámara principal Sony IMX298 de 16 Mpx con apertura f/2.0 (X Pro Samsung 2L7 con Dual Pixel e apertura f/1.8)

Dispoñibilidade e prezo

O bq Aquaris X Pro estará dispoñíbel na primeira semana de maio por 359,90 €, caso do modelo de 64 GB, e por 399,90 € o de 128 GB. A versión estándar do Aquaris X custará 279,90 €.

Ben é certo que estas cantidades supoñen un incremento considerábel sobre os prezos aos que nos ten acustumados bq, mais o salto cualitativo é máis ca evidente, e poucas opcións hai no mercado con esas prestacións por uns prezos semellantes. Haberá que agardar que tal funcionan no mercado para descubrir se esta é a liña que debe seguir bq nos próximos anos.

Sobre o autor

Reply