Segundo novas destes días, HDM estaría a ter problemas para cubrir toda a demanda que están a ter despois da presentación dos novos terminais baixo a marca Nokia. Polo de agora só hai stock na China e aínda así dura poucas horas, quedando claro que a chegada a Europa vaise retrasar.
Esta situación conta con varias lecturas ben diferentes. Por unha banda semella claro que o interese pola volta de Nokia ao mercado é grande e moitas son as que queren mercar un destes novos terminais. Pero por outra parte, a empresa está desbordada e non poden fabricar terminais coa celeridade que se precisa nestes casos e coa velocidade á que vai o mundo da telefonía móbil, non todas as usuarias estarán dispostar a agardar tanto tempo ou pelexar por conseguir unha desas poucas unidades.
A competencia, é moito máis áxil e xa podemos mercar o Moto G de quinta xeneración ou o Huawei P10 lite sairá a finais deste mes, mentres que polos Nokia, teremos que agardar até ben entrado o verán.
Só se pode salvar desta situación o Nokia 3310, pois é un terminal que se merca co corazón e nunca coa cabeza. Todas aquelas que tivemos o 3310 orixinal, agardaremos por esta reedición, que é máis un terminal de colección que, sexamos francas, un terminal para empregar a cotío por moito que desexemos desconectar nalgún momento da nosa vida.
E vós, falando xa non só de Nokia, agardariades o tempo que fora necesario para mercar un terminal concreto ou pola contra mercariades o que estivese no mercado?