O LG chegará ao noso país o 13 de abril por 749 euros

LG anunciou onte a data na que o agardadísimo LG G6 chegará ás tendas do noso país. Será o próximo 13 de abril, aínda que desde o 28 de marzo poderase acceder á pre-reserva online. Como factor diferencial, o fabricante surcoreano destacará a gran pantalla en relación co corpo do trebello a través do eslógan “todo pantalla”.

Cun tamaño de 5,7 polgadas, unha resolución QHD+ (2880 x 1440) e unha relación de aspecto 18:9, a pantalla do LG G6 é un dos seus grandes valores, xunto coa súa cámara con dobre lente de 13 megapíxeles e 125 graos, gran angular, para facer fotografías cun campo de visión maior.

No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 821, 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 2 TB. A batería é de 3300 mAh (non extraíbel e con sistema de carga rápida), e o sistema operativo é Android 7.0 Nougat.

Tampouco lle falta o USB Tipo C, Bluetooth 4.2 BLE e o sensor de pegadas dixitais. Así mesmo, o seu deseño é unibody e resite auga e pó segundo os estándares IP68.

Poderemos mercar o novo LG G6 en tres cores (Astro Black , Ice Platinum e Mystic White) por 749 euros.

LG Pay

LG tamén quixo aproveitar a presentación local do LG G6 para anunciar o lanzamento de LG Pay, o seu servizo de pagos móbiles, que será moi semellante ao que xa coñecemos de Samsung.

O seu actual buque insignia será o primeiro móbil da compañía en estrear este servizo, pero a idea é que vaia chegando a outros modelos a través de actualizacións.

Nun primeiro momento funcionará en Corea, mais imaxinamos que será cuestión de tempo que vaia aparecendo noutros países.

Sobre o autor

Reply