A dispoñibilidade de Android Wear 2.0 está a favorecer a chegada dunha nova fornada de reloxos que empregan este sistema operativo, logo do longo tempo de incertidume que vivimos nos pasados meses. O último fabricante en anunciar as súas novidades a este respecto foi Misfit, que dá o salto desde as pulseiras de actividade cun reloxo baseado en Android Wear, o Misfit Vapor, deseñado para a práctica deportiva.
Realmente este reloxo xa fora preanunciado durante o CES de Las Vegas do pasado mes de xaneiro, mais até o de agora non se coñecían todas as súas prestacións e especificacións, que van na liña do resto de modelos Android Wear e integra o procesador Qualcomm Snapdragon 2100, especialmente deseñado para wearables.
A pantalla é un panel circular AMOLED de 1,39 polgadas e dispón de 512 MB de memoria RAM e 4 GB de almacenaxe interna. Tamén leva GPS, pulsómetro e altímetro, así como unha batería non especificada coa que prometen dous días completos de autonomía.
Como o resto de trebellos Android Wear, é resistente á auga e ao pó, aínda que neste caso chegando até os 50 metros de inmersión, e levará funcionalidades extra para sacarlle todo o partido á práctica deportiva.
Está previsto que chegue ás tendas a finais de verán por 199 dólares, un prezo bastante atractivo para un dispositivo destas características.