Así son os novos accesorios que chegan co Samsung Galaxy S8

Samsung anunciou esta tarde os novos Galaxy S8 e S8+, mais os novos trebellos do fabricante surcoreano non chegan sós. Xunto a eles, Samsung presentou unha completa gama de accesorios que van máis aló de fundas e cargadores, sendo os máis destacados os que vos presentamos a continuación

DeX Workstation

Era sen dúbida o máis rumoreado. Seguindo a máxima de que os Galaxy S8 son “máis ca un teléfono”, Samsung presentou o DeX Workstation, un accesorio que convirte o noso smartphone nun completo ordenador de escritorio. A idea é moi semellante a Continuum de Microsoft, e basicamente consiste nunha base (dock) que ofrece saída HDMI até 4K e 30 fps, dous portos USB 2.0 e Ethernet. .

Grazas a isto poderemos conectarlle unha pantalla, un teclado e un rato, funcionando como se se tratase dun ordenador completo, como se pode ver no seguinte vídeo. Ademais, mentres o usamos tamén carga o noso móbil, polo que tamén serve como base de carga. Custará 149,99 euros.

Gear 360

Samsung tamén actualiza a súa cámara 360 graos. A nova cámara Gear 360 ten un deseño máis coidado e capacidade para gravar vídeos con resolución 4K, ademais da posibilidade de retransmitircontidos en directo a través de streaming.

A idea da Samsung é que esta cámara sexa un complemento para as aplicacións de realidade virtual, xa que os vídeos gravados polas usuarias poderanse disfrutar cos lentes Gear VR de maneira moi semellante á experiencia de revivir o momento na vida real.

Gear VR

As Gear VR de Samsung son unhas das mellores opcións para disfrutar da realidade virtual, en boa medida porque teñen creado un ecosistema de aplicacións e xogos en colaboración con Oculus, ao que hai que sumar a calidade dos paneis de Samsung, que axudan a unha experiencia nítida e de calidade.

A nova versión está preparada para acoller teléfonos máis grandes e chega cun controlador remoto sepado, moi semellante ao Google Daydream View, e será compatíbel cos dispositivos anteriores, a partir do Galaxy S6.

Fundas e protectores

Seguindo cos accesorios oficiais, o protector de pantalla oficial custará 12,99 euros, mentres que en fundas e carcasas atoparemos moitas variantes:

  • Carcasa transparente: 19,99 euros
  • Carcasa de Alcántara: 44,99 euros
  • Carcas con teclado: 59,99 euros
  • Funda de dúas pezas (con imán): 19,99 euros
  • Funda de silicona: 29,99 euros
  • Funda tipo libro LED: 59,99 euros
  • Funda tipo libro Clear View: 59,99 euros

Cargadores e baterías

Finalmente, unha batería externa oficial de 5100 mAh de capacidade con carga rápida custará 69,99 euros e o cargador Qi convertíbel, pensado para cargar o móbil sen fíos, chegará aos 79,99 euros.

Que vos parecen todos estes accesorios?

Sobre o autor

Reply