De todos os novos móbiles que se esperan para este 2017, o Samsung Galaxy S8 é sen dúbida o máis agardado. Desde que o fabricante surcoreano presentou o Galaxy S6, dando un necesario salto cualitativo que o público levaba tempo reclamando, a expectación ante calquera novo Galaxy foi en aumento, até este ano, cando é máxima logo do sonado Notegate.
Un teléfono, dous tamaños
O Galaxy S8 actualiza o seu deseño e chega ao mercado en dous tamaños (5,7 e 6,2 polgadas), aínda que a diferenza do acontecido cos S6 e S7, ambos os dous S8 levan pantalla curvada cara ambos lados. Os marcos son moito menores, especialmente na parte superior e inferior de pantalla, o que permite ampliar o tamaño desta sen que iso supoña que o dispositivo teña un tamaño moito maior.
A outra gran novidade de deseño é a eliminación dos botóns físicos e capacitivos que Samsung viña mantendo, e que xa formaban parte do seu sinal de identidade. Isto fai que o sensor de pegadas dixitais deixe de estar no botón “inicio”, agora inexistente, e pase a situarse na parte traseira do trebello, nunha posición próxima á cámara de fotos.
Hardware de primeiro nível
Como non podía ser de outro xeito, os novos Galaxy S8 e S8+ veñen equipados con hardware de primeiro nível. Indo ao concreto, o Galaxy S8+ integra unha pantalla de 6,2 polgadas Super AMOLED QuadHD+ (2.960 x 1.440 píxeles), e no interior 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD. A cámara principal é de 12 megapíxeles e a frontal de 8 Mpx, con escáner de iris. A súa batería é de 3500 mAh de capacidade.
Pola súa banda, o Galaxy S8 estándar leva un panel de 5,7 polgadas con resolución 2960 x 1440 píxeles, e comparte a meirande parte das súas especificacións co modelo superior, aínda que a batería baixa até os 3000 mAh.
O procesador é en ambos casos o Qualcomm Sanpdragon 835, aínda que algunhas versións internacionais están equipadas co procesador propio Exynos 8895. Así mesmo, tamén son resistentes á auga e ao pó segundo o estándar IP68.
Bixby, novo asistente virtual
A gran novidade software é a chegada de Bixby, o novo asistente virtual da compañía surcoreana, cuxas funcións van maís aló de servir de asistente por voz, xa que tamén poderá integrarse coas aplicacións para axudar ás usuarias a facer cousas.
Funciona tanto con comandos de voz, como táctiles e de texto, e nun primeiro momento intégrase nas aplicacións nativas de Samsung, como a cámara, contactos, galerái, mensaxes e axustes, aínda que nun futuro estará dispoñíbel en outras apps.
Novas cores
As usuarias de Samsung xa puideron disfrutar do Galaxy S7 / S7 Edge en múltiples cores, e agora a compañía repite estratexia cos novos Galaxy S8 / S8+. En concreto, no noso país inicialmente estarán dispoñíbis en tres cores (Midnight Black, Orchid Grey e Artic Silver), aínda que seguramente co paso do tempo iremos vendo outras cores, como o dourado ou o azul, que xa chegan a outros mercados.
Dispoñibilidade e prezo
Samsung ten previsto que os novos Galaxy S8 / S8+ cheguen ao mercado o próximo 28 de abril, máis a pre-reserva ábrese hoxe, e se o mercades en Media Markt, podedes ir recollelo o día 20 de abril, nada menos que 8 días antes. O prezo do S8 será de 809 euros, mentres que o S8+ custará 909 €.