Os rumores apuntan á existencia dun Samsung Galaxy S8 Mini con pantalla de 5,3 polgadas

Esta semana estivo marcada polo lanzamento dos novos Samsung Galaxy S8 e Galaxy S8+, os dous trebellos cos que o fabricante surcoreano aspira a recuperar o liderado neste 2017. Porén, segundo os últimos rumores, estes dous dispositivos estarán acompañados dunha versión máis reducida, o Samsung Galaxy S8 Mini, que chegará nas próximas semanas.

A diferenza das versións “mini” doutros Galaxy S anteriores, o novo trebello non sería un terminal con grandes diferenzas hardware, máis aló do obvio: o tamaño da súa pantalla, que sería de 5,3 polgadas, e a capacidade da súa batería. Levaría o mesmo procesador (Qualcomm Snapdragon 835), os mesmos 4 GB de memoria RAM e as mesmas cámaras.

En calquera caso, semella que non se trataría dun trebello para comercializar de maneira global, senón unicamente en Corea do Sur, Tailandia, India e China, deixando fóra Europa e América.

Como se trata de rumores, hai que coller esta información con tino e ver como van indo os acontecementos nas próximas semanas, mais a idea dun Galaxy S8 Mini seguro que atrae a máis dun.

 

Sobre o autor

Reply