Mi Pad 3: así é a nova tablet de Xiaomi

O fabricante chinés Xiaomi vén de anunciar o lanzamento da súa nova tablet, a Xiaomi Mi Pad 3, que como era de agardar combina unhas características técnicas moi atractivas cun prezo moi por baixo dos habituais no noso país para un produto semellante.

Esta nova versión dunha das principais tablets do fabricante non achega grandes novidades estéticas nin funcionais, aínda qu esi supón un importante paso adiante en canto a especificacións técnicas. As principais detallámolas a continuación.

A pantalla da Mi Pad 3 é de 7,9 polgadas, cunha resolución de 2048 x 1536 píxeles. Para darlle vida temos un procesador firmado por MediaTek, no concreto o modelo MT8176, de seis núcleos até 2,1 GHz. Está acompañado de  64 GB de memoria interna e 4 GB de memoria RAM.

A súa cámara principal é de 13 megapíxeles, e a frontal de 5 Mpx. En canto á autonomía temos unha batería con 6.600 mAh de capacidade, polo que poderíamos augurar moitas horas de pantalla. Finalmente, temos conectividade WiFi 802.11b/g/n a 2.4 GHz e 5 GHz e Bluetooth 4.2, e o sistema operativo é Android 6.0 Marshmallow.

Con todas estas especificacións sobre a mesa, e tendo en conta a traxectoria do fabricante, cabería agardar un produto moi interesante como dispositivo de propósito xeral, xa que combina potencia con almacenaxe, batería e conectividade.

O trebello está xa á venda por uns 215 euros ao cambio, e pódese mercar a través das principais tendas de importación de produtos chineses.

Sobre o autor

Reply