Analizamos as cámaras Nest Cam Indoor e Nest Cam Outdoor

Desde hai unha semanas Nest comezou a vender os seus produtos para o fogar intelixente no noso país, como o seu sonado termostato intelixente ou os dous produtos que hoxe nos atañen, as cámaras Nest Cam Indoor e Nest Cam Outdoor. Como podedes imaxinar polos seus nomes, trátase de dúas cámara, unha destinada ao interior do fogar e outra que podemos situar no exterior.

Instalación

O primeiro que temos que facer coas Nest Cam é proceder á súa instalación. Certamente, o proceso é extremadamente sinxelo e non nos levará máis de 10 minutos. En cada caixa, a cámara inclúe unha toma de corrente que debemos conectar a un enchufe, así como un soporte que nos permitirá fixar con seguridade o aparello á parede.

Á hora de decidir unha ubicación na que situala podemos adaptarnos a cada necesidade. Haberá quen desexe colocala preto dunha porta para poder ver quen entra, mais se queremos ver o que ocorre no conxunto dunha habitación o mellor é que a situemos nunha esquina. Grazas ao angular de 130 graos quedará practicamente todo o habitáculo sen ángulos mortos, o cal é de agrader nun produto destas características.

Configuración

Coas cámaras colocadas nos lugares elixidos, chega o momento da configuración. Para iso debemos descargar a aplicación Nest desde a Play Store (ou desde a tenda de apps de iOS) e configurar a nosa conta. Se non dispomos de conta en Nest deberemos creala co noso correo electrónico. Unha vez iniciada sesión, seleccionaremos a opción de engadir produto e buscaremos o que queremos instalar do catálogo de produtos Nest, e acontinuación escaneamos o código QR de cada cámara co noso móbil. Logo disto, tan só debemos seleccionar a nosa WiFi, poñerlle o contrasinal e xa teremos todo listo para funcionar.

Seguidos todos estes pasos, xa podemos empregar as cámaras de Nest para ver o que ocorre no lugar onde están situadas, así como para activar / desactivar notificacións ou as propias cámaras.

Un LED situado en cad trebello permitiranos saber o estado da cámara. O verde sinala que a cámara está conectada, o verde parpadeante que alguén está a ver a imaxe e o azul que a cámara perdeu a conexión e está buscando rede. Finalmente, o azul parpadenate amosa que alguén está a falar pola cámara.

Aplicación e interface web

A aplicación de Nest, ademais de servir para ver en directo o que acontece na nosa vivenda, tamén nos vale para configurar diferentes alertas. Por exemplo, cando unha das cámaras detecta movemento pode enviarnos unha notificación, tanto a través do correo electrónico como cunha notificación no noso teléfono.

Nestas notificacións alertarásenos do movemento e se nos ofrecerá unha imaxe a modo de captura e a ligazón para ver o que acontece en directo.

A través da web Nest Home tamén teremos acceso a unha interface moi semellante á da aplicación móbil, na que poderemos ver o directo e facer zoom no vídeo en cuestión.

As opcións máis avanzadas e completas son unha funcionalidade premium, que só estará dispoñíbel se contratamos Nest Aware. A súas principais funcións son as seguintes:

  • Historial de vídeo: garda durante 10 ou 30 días todo o historial continuo de vídeo.
  • Zonas de actividade: permite destacar zonas de interese dentro da parte vídeo que vemos para recibir alertas concretas de actividade nesas zonas.
  • Clips e secuencias aceleradas: permite crear clips e secuencias rápidas dos vídeos.
  • Alertas de persoa: alértanos se se detectan sons ou persoas na área de influencia da cámara.

Estes plans son de pago e custan 100 ou 300 euros ao ano para o historial de vídeo durante 10 ou 30 días, respectivamente. Se se opta polo pago mensual as cotas son de 10 ou 30 euros. No caso de termos máis dunha cámara, a segunda terá unha cota reducida de 50 euros (historial de 10 dias) ou 250 euros (historial de 30 días).

Conclusións

Certamente quedamos gratamente sorprendidos da calidade de ambos produtos, tanto polos trebellos en si (calidades, acabados…) como pola facilidade da instalación e a versatilidade das súas aplicacións, o que fai que sexan uns produtos para todos os públicos.

Ambas as dúas dispoñen de gravación en calidade 1080p HD, o que permite termos imaxes ben nítidas do que acontece no noso domicilio. Pero ademais, veñen con WiFi de dobre banda (2.4 e 5 GHz), de maneira que sempre poderán sacar o máximo partido á nosa conexión WiFi. En canto á seguridade, o vídeo vai encriptado co certificado TLS/SSL 128 bit AES, o que evitará que alguén poida acceder ás gravacións.

Ambos produtos, a Nest Cam Indoor e Nest Cam Outdoor parecéronnos moi recomendábeis para uso doméstico. De estaren interesadas en facervos con algunha delas, están á venda por 199 a través de Amazon (Indoor) ou 179 € (Outdoor).

Sobre o autor

Reply