Zopo Color X, un terminal económico con pantalla de 5,5 polgadas

O fabricante chinés Zopo vén de anunciar o lanzamento dun novo smartphone, o Zopo Color X. Trátase dun dispositivo de entrada e sinxelo que destaca por incorporar unha pantalla de 5,5 polgadas, e que se porá á venda por menos de 200 euros.

O trebello leva unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución HD, un pouco xusta para este tamaño de dispositivo, e dispón de curvatura 2,5D. No interior alberga un procesador Mediatek MT6737, de catro núcleos a 1,3 GHz, xunto con 1 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 64 GB.

No apartado fotográfico, a cámara principal é de 8 megapíxeles con apertura f/2.2, mentres que a frontal é de 5 megapíxeles; ambas as dúas cámaras levan flash LED. A batería é de 2500 mAh e o sistema operativo Android 6.0 Marshmallow coa capa ColorUI 8.0.

Como podedes ver, trátase dun modelo moi modesto, cunhas características básicas para as necesidades de hoxe en día. Porén, hai que destacar a presenza do sensor de pegadas dixitais, no que incorporan tamén unha característica chamada “One Button Access”, que achega funcións adicionais ao recoñecemento, como o acceso ás aplicacións recentes ou o retroceso.

Dispoñibilidade e prezo

Nun primeiro momento o Zopo Color X vaise vender na India por uns 175 euros ao cambio, aínda que non estaría descartada a súa comercialización noutros países arredor do mundo, entre eles o noso. Poderase mercar en negro, dourado, gris espacial e violeta dourado.

Sobre o autor

Reply