Así é o novo Xiaomi Mi 6, con Snapdragon 835

Xiaomi vén de anunciar o lanzamento do novo Xiaomi Mi 6, un terminal referencial para a marca no que apostan pola potencia, grazas á incorporación do procesador Qualcomm Snapdragon 835, e polo deseño.

A pantalla é un panel de 5,15 polgadas con resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles), e no seu interior leva o citado Snapdragon 835, xunto con 6 GB de memoria RAM e opcións de 64 ou 128 GB, neste caso non ampliábeis mediante microSD.

No apartado fotográfico apostouse pola combinación de dous sensores de 12 megapíxeles con estabilizador de 4 eixos na parte traseira, mentres que na frontal leva unha cámara de 8 megapíxeles. A súa batería é de 3350 mAh e, por suposto, non lle falta o sensor de pegadas dixitais nin a resistencia á auga, características que están a ser un estándar na gama alta.

Dispoñibilidade e prezo

O Xiaomi Mi 6 estará dispoñíbel en varias cores: ademais do negro e do branco tamén chegará en azul e cor prata, no que será unha edición especial. En canto a prezos, a versión de 6 GB de RAM e 64 GB de capacidade custará uns 340 euros, a de 6 GB e 128 GB 390 euros e esta última con acabados cerámicos sube aos 410 euros.

Que vos parece?

Sobre o autor

Reply