Huawei está a preparar un novo dispositivo de gama baixa, o Huawei Y3 2017. Como se intúe do seu nome, trátase dunha nova versión do Y3 na que o fabricante chinés actualiza as súas especificacións, sen que iso supoña un gran salto cualitativo.
O trebello vense de filtrar a través de Slashleaks, amosando un deseño libre de botóns, máis aló dos básicos para acendido e control de volume. As imaxes tamén certifican a presenza do conector microUSB ou o jack de 3.5 mm.
Malia que a tendencia é a termos dispositivos compactos, semella que Huawei apostará por ter a tapa traseira extraíbel neste modelo, no que haberá espazo para dúas tarxetas microSIM e unha microSD ao mesmo tempo.
Para coñecer todas as súas especificacións e aspecto final teremos que agardar á súa presentación oficial, que seguramente teña lugar nos próximos días. Aínda que é cedo para facer cábalas sobre o seu prezo, cabería agardar que estivese arredor dos 100 euros.