Buscas un smartphone pequeno? Jelly, o dispositivo Android 7 máis pequeno do mundo

Os diferentes fabricantes fóronnos acostumando a dispositivos cada vez máis grandes, de tal xeito que hoxe é practicamente imposíbel atopar algún modelo con pantalla inferior ás 5 polgadas. Se falamos ademais de trebellos actualizados ás últimas versións de Android a cousa complícase aínda máis.

Con este panorama nace Jelly, un smartphone xurdido dun proxecto chinés nado en KickStarter para crear “o smartphone que cabe na man”. A súa principal baza é contar cunha diminuta pantalla, un panel TFT LCD de 2,45 polgadas, e levar a última versión de Android, 7.0 Nougat.

Se nos fixamos no resto de prestacións estamos ante un modelo moi básico. Integra un procesador de catro núcleos a 1,1 GHz, xunto con 1 GB de RAM e 8 GB de memoria interna, aínda que existe unha versión “Pro” con 2 GB de RAM e 16 GB de memoria.

A cámara principal é de 8 megapíxeles e a frontal de 2 megapíxeles. Ademais, dispón de espazo para dúas tarxetas nanoSIM e a posibilidade de ampliar a memoria a través de tarxetas microSD de até 32 GB. En canto á batería, ten unha capacidade de 950 mAh.

Dispoñibilidade e prezo

Como xa se comentou, Jelly é un dispositivo nado nunha campaña de KickStarter. Segundo afirman os seus promotores, en agosto comezará a distribución das primeiras unidades, que as persoas que participan na campaña de micromecenado poderán adquirir por 59 euros.

Sobre o autor

Reply