Instagram naceu coma unha rede social orientada ao seu uso exclusivo en terminais móbiles, polo tanto na version web só se podía visionar contido, facer comentarios sobre este, atopar usarias e seguilas, sen ter a posibilidade de engadir nada novo. Para isto tiñamos que empregar a aplicación.
Esta situación cambiou radicalmente esta semana, pois xa se poden subir fotos desde o navegador dos nosos smartphones, aínda que desde o navegador do PC esta funcionalidade aínda non está habilitada, e non temos claro que o chegue a estar algún día.
Entón, por que desde a web móbil si se pode subir contido e non desde a web no PC? Sinxelo. É unha estratexía dirixida a países emerxentes nos que abundan os terminais de gama baixa que poden ter dificultade para mover as apps máis novas e cada día máis e máis pesadas, terminais con pouco almacenamento e redes lentas.
Ante esta situación o ecosistema Facebook (FB, FB Messenger, Whatsapp e Instagram) van dando pasos para acadar a maior parte da cota de mercado e seguir crecendo día a día.