Estas foron as principias novidades de Google na primeira xornada do I/O 2017

Onte comezou o Google I/O 2017, o encontro anual para desenvolvedores da compañía do gran G. E, como cada ano, na primeira xornada tivo lugar a keynote inaugural, na que se deron a coñecer importantes novidades en moitos predutos. A continuación recollemos as principais.

Android O

A versión de Android que vén en camiño, con nome provisional “Android O”, estará caracterizado polas Fluid Experiences, toda unha serie de funcionalidades chamadas a facer a nosa vida máis doada. Entre elas cabe destacar as notificacións en forma de globo, o autorecheo de formularios para evitar ter que andar metendo os contrasinais  de cada vez ou un sistema de Picture in Picture, co que poder manter vídeos, chamadas e aplicacións multimedia en pequenas ventás sobre outras apps.

Google Assistant

O asistente virtual Google Assistant, que xa leva algún tempo operativo ligado aos trebellos Pixel e á app de mensaxería Allo, recibe novidades, entre elas Google Lens, que axudará a que o nosos teléfono recoñeza cousas en fotografías ou na vida real, de maneira semellante ao implementado por Samsung con Bixby nos novos Galaxy S8 / S8+.

Por outra banda, tamén chegou a confirmación de que Google Assistant estará dispoñíbel en español antes de final de 2017 tamén a través da voz, e non unicamente de texto integrado en Allo, como até o de agora. Sobre o galego, de momento non temos novas.

Android Go

Con Android O chegará tamén Android Go, unha versión reducida de Android pensada para trebellos cunhas especificacións máis sinxelas, en concreto con menos de 1 GB de memoria RAM.

Aínda que non se dixo así, semella que a intención de Google é sustituír con Android Go o que até o de agora era Android One. Ademais, en Android Go a Play Store priorizará as versións “Lite” das aplicacións.

Google Fotos

Google Fotos é unha aplicación de galería que cada vez usan máis usuarias, en certa medida grazas ao almacenamento ilimitado gratuíto de imaxes na nube que ofrece Google, mais tamén polas funcionalidades avanzadas, como a busca de obxectos ou a autoorganización.

Google presentou agora 3 novidades relacionadas con Fotos. A primeira é a mellora das opcións de compartición, xa que automaticamente vai suxerirnos compartir unha imaxe cun contacto, de acordo co que saia na foto e atendendo ás nosas prácticas anteriores.

Por outro lado, Fotos tamén mellorará as opcións para compartir bibliotecas de imaxes e crea unha nova opción para facer albumes en formato papel por 9,99 dólares a partir das nosas imaxes na app, aínda que de momento isto só chegará aos Estados Unidos.

Gmail

A popular aplicación de correo electrónico recibe, logo de moito tempo, unha importante novidade: as respostas rápidas. Non se trata dunha funcionalidade xenuína, pois xa a vimos en Allo e Inbox, mais agora chega a Gmail para facernos a vida máis doada.

Como se pode ver no gif anterior, coas respostas intelixentes poderemos enviar respostas rápidas prefabricadas que nos poden evitar ter que escribilas. Falamos de frases tipo “Estou traballando niso”, “Vémonos aló”, etcétera.

Entre hoxe e mañá Google seguirá avanzando no I/O novidades en todos os seus produtos e aplicacións, de maneira que poderemos ter unha idea de como irán mellorando ao longo das próximas semanas.

Sobre o autor

Reply