O fabricante chinés Gionee presentou a semana pasada o Gionee S10, un terminal de gama media premium que destaca polos seus 6 GB de memoria RAM e dobre cámara dianteira e traseira. Porén, este dispositivo non chega só, senón que o fai acompañado de dúas versións adicionais que rebaixan as especificacións do principal, o Gionee S10B e S10C.
Os tres modelos comparten unhas liñas de deseño comúns e os acabados en aluminio como mostra de aspirar a ser produtos de gama “premium”. Seguindo as directrices deste 2017, os marcos laterais son moi reducidos, maximizando o espazo da parte frontal.
Gionee S10
O modelo principal, o Gionee S10, incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución FullHD. No seu interior, dándolle vida, temos un procesador MediaTek Helio P25, xunto os xa citados 6 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.
Outro factor diferencial témolo no apartado fotográfico, xa que o fabricante decidiu levar a estratexia da dobre cámara tanto á parte traseira, con sensores de 16 e 8 megapíxeles, como á frontal, onde temos unha combinación de cámaras de 20 e 8 megapíxeles.
A batería é de 3450 mAh de capacidade, e sae á venda con Android 7.0 Nougat e a interface propia Amigo OS 4.0
Gionee S10B e Gionee S10C, os modelos máis económicos
O segundo trebello, o Gionee S10B, tamén leva unha pantalla FullHD de 5,5 polgadas, aínda que no interior incorpora un procesador MediaTek Helio P10 e 4 GB de memoria RAM. A cámara traseira é un sensor dobre de 13 e 5 Mpx, mentres que na parte frontal temos un sensor único de 16 Mpx. A batería queda nos 3700 mAh.
Finalmente, o Gionee S10C ten un tamaño máis reducido e leva unha pantalla de 5,2 polgadas e resolución HD. O procesador escollido para este modelo é un Qualcomm Snapdragon 427, xunto 4 GB de RAM e 32 GB de memoria interna ampliábel. No apartado fotográfico temos sensores úncios de 13 e 16 megapíxeles (principal e frontal, respectivamente), e a batería queda nos 3100 mAh.
Dispoñibilidade e prezo
Os tres trebellos estarán dispoñíbeis a partir do 9 de xuño no mercado asiático, aínda que coa posibilidade de ser mercados desde o noso país a través das tendas de importanción. O Gionee S10 custa algo menos de 380 dólares, o S10B uns 320 e o S10C arredor dos 230.