O Oppo R11, con pantalla de 5,5 polgadas e dobre cámara, xa é unha realidade

O fabricante chinés Oppo vén de anunciar o lanzamento dun novo smartphone, o Oppo R11. Trátase dun dispositivo que chega para sustituír ao modelo R9S, e as súas principais bazas son a presenza dunha pantalla de 5,5 polgadas e a implantación do sistema de dobre cámara traseira, multiplicándose así as opcións para as usuarias que buscan esta característica cada vez máis habitual.

O Oppo R11 incorpora unha pantalla AMOLED de 5,5 polgadas con resolución Full HD, e no seu interior un procesador Qualcomm Snapdragon 660, xuntocon 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD. A batería sitúase nos 2900 mAh, unha capacidade axustada para un dispositivo destas características, mais imaxinamos que será abonda para aguantar unha xornada enteira.

Como diciamos ao comezo do artigo, un dos puntos fortes deste trebello é ao aspecto fotográfico. No concreto, na parte traseira leva un sistema de dobre cámara, con lentes de 20 e 16 megapíxeles, mentres que na parte frontal temos un sensor de nada menos ca 20 megapíxeles, co cal poderemos conseguir selfies de gran calidade. En canto ao ssitema operativo, leva Android 7.1, aínda que a súa apariencia está modificada pola capa de personalización do fabricante.

Con estas características o Oppo R11 sitúase nunha gama media – alta cada vez máis habitual, unha gama cada vez máis demandada polas usuarias que deixaron atrás a escolla de dispositivos económicos e prefiren investir un pouco máis para ter trebellos máis completos.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Oppo R11 estará dispoñíbel na China o próximo 10 de xuño por un prezo que, ao cambio, rondará os 420 euros. Poderase mercar nun total de 3 cores: dourado, rosado e negro.

Segundo parece, a compañía ten previsto anunciar unha versión “plus”, na que se acadarían os 6 GB de memoria RAM e se aumentaría a pantalla até as 6 polgadas. Sería interesante que, ao tempo que se mellora o seu tamaño, o fabricante apostase por dar o salto ao QHD, mais para iso debemos agardar a que cheguen as filtracións ou a súa presentación oficial.

Sobre o autor

Reply