Fíltranse as especificacións do Google Pixel XL 2

Todo apunta a que Google repetirá este ano estratexia e presentará dous smartphones ao tempo que anuncia a nova versión de Android, coñecida polo de agora como “Android O”. Estes dous trebellos serían dous novos Pixel e Pixel XL, modelos que se todo vai segundo se agarda serán anunciados a comezos de outono.

Precisamente o máis grande dos dous, o Google Pixel XL 2, vén de aparecer nunha coñecida páxina de benchmarks, co que moitas das súas especificacións xa foron filtradas. Isto dános moita información sobre a estratexia que ten Google para o Pixel deste ano.

Google Pixel XL 2: apostando pola gama alta

O primeiro que nos chama a atención e a súa pantalla, que conta cunha diagonal de 5,6 polgadas e resolución 2560 x 1312 píxeles. Con estes datos podemos concluír que se trata dun panel alongado, na liña do que xa fixeron LG co seu G6 e Samsung cos Galaxy S8 / S8+.

No seu interior atopámonos con poucas sorpresas, pois leva o procesador Qualcomm Snapdragon 835, 4 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna. Porén, é máis que probábel que ademais desta versión tamén teñamos outra cunha capacidade diferente.

Pasando ao apartado fotográfico, a filtración deixa ver a existencia dunha cámara de 12 megapíxeles na parte traseira e outra de 7 megapíxeles na parte frontal. Con todo, non debemos descartar que Huawei (fabricante que seguramente estará detrás deste dispositivo) opte por un sistema de dobre cámara.

Con estas características fica claro que Google quere competir na gama alta, aínda que temos que tomar os datos con cautela, xa que podería tratarse dun prototipo e, polo tanto, que as especificacións finais difiran con estes datos.

Que vos parece o que sabemos até o de agora?

Sobre o autor

Reply