O fabricante francés Wiko vén de anunciar o lanzamento dun novo smartphone orientado principalmente ao público xuvenil. Trátase do Wiko UPulse, un dispositivo no que a compañía centrou boa parte da súa atención na cámara e na pantalla.
Comezando por isto último, a pantalla é de 5,5 polgadas, un tamaño superior ao habitual en Wiko. Porén, tampouco se trata dun panel que destaque especialmente pola súa calidade, pois esta é simplemente HD (720 píxeles).
No interior do trebello atopámonos cun procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, xunto 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD. A súa batería é de 3000 mAh de capacidade, e como vén sendo habitual en Wiko vén con espazo para dúas tarxetas SIM.
Como diciamos ao comezo, a cámara principal é quizais o seu aspecto diferenciador. E é que conta cunha cámara SONY IMX135 de 13 megapíxeles con función Super Pixel, o que nos permite sacar imaxes de até 52 megapíxeles. Na parte frontal do dispositivo temos unha cámara de 8 megapíxeles.
Con esta ristra de especificacións estamos ante un dispositivo de gama media que xa podemos mercar por un prezo recomendado de 209 euros.