Samsung anunciou o Galaxy Folder 2, un novo terminal tipo cuncha para Corea

Pouco rastro queda xa por estes lares dos teléfonos tipo cuncha, e os poucos que quedan son modelos orientados ás persoas maiores e con funcionalidades limitadas, nin rastro de smartphones. Porén, como vemos de cando en vez polo blog, estes existen, e modelos como o novo Samsung Galaxy Folder 2 amosan que o mercado segue a demandalos.

Está equipado cunha pantalla WVGA de 3,8 polgadas, e no seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 425 (catro núcleos a 1,4 GHz), xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 8 megapíxels co seu correspondente flash tipo LED, mentres que a frontal está equipada cun sensor de 5 Mpx. A batería é de 1950 mAh de capacidade e vén con Android 6.0 Marshmallow, adaptado por Samsung para sacarlle todo o partido ao dispositivo, tanto usando a pantalla táctil como a través do teclado.

O trebello, que nun principio vaise vender en Corea do Sur (aínda que con moitas posibilidades de chegar tamén a outros territorios asiáticos como a India), custa uns 230 euros ao cambio e está dispoñíbel en varias cores.

Sobre o autor

Reply