O fabricante francés Wiko vén de anunciar un novo dispositivo, o Wiko Harry. Trátase dun novo modelo básico Android que, malia ter un prezo contido, non prescinde dunha xenerosa memoria RAM de 3 GB, ademais da conectividade 4G e unha das últimas versións de Android, 7.0 – Nougat.
O trebello en cuestión conta cunha pantalla IPS de 5 polgadas con calidade HD e brillo de 420 nits, e no seu interior alberga un procesador sinxelo de MediaTek de catro núcleos a 1,3 GHz. Ademais dos xa comentados 3 GB de RAM leva 16 GB de memoria interna que poderemos ampliar a través de tarxetas microSD de até 128 GB.
A cámara frontal é de 5 megapíxeles e a aplicación dispón de modo beleza para potenciar os rasgos das caras. Na parte traseira temos un sensor de 13 megapíxeles con HDR para sacar mellores imaxes en contraste. Non en van, trátase de sensores IMX 135 de Sony con Exmor RS, lentes 5P e apertura f/2.0.
En canto ao sistema operativo, leva Android 7.0 Nougat cunha personalización propia do fabricante, Wiko UI. Tamén dispón de espazo para dúas tarxetas SIM e unha batería extraíbel con 2500 mAh de capacidade.
O novo Wiko Harry está dispoñíbel en tres cores (antracita, dourado e turquesa) por 159 euros. Pódese mercar nas tendas de electrónica habituais.