Meizu anunciou estes días o lanzamento dun novo terminal, o Meizu A5. Trátase dun dispositivo de gama entrada con pantalla de 5 polgadas que poderemos mercar por uns 90 euros, un prezo bastante atractivo para o público que quere un trebello simple e sen moitas complicacións.
Especificacións
Como dicimos, o trebello leva unha pantalla de 5 polgadas con resolución HD (1280 x 720 píxeles), e no seu interior alberga un procesador MediaTek MT6737 de catro núcleos a 1,3 GHz, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna.
No apartado fotográfico integra dúas cámaras sinxelas, a principal de 8 megapíxeles e unha frontal de 5 megapíxeles, e completando a listaxe de especificacións temos unha batería de 3060 mAh de capacidade, capacidades dual SIM, 4G/LTE e Bluetooth 4.1
Dispoñibilidade e prezo
Polo de agora o Meizu A5 só se pode mercar a través da tenda online chinesa de Meizu por uns 90 euros ao cambio, aínda que imaxinamos que nas próximas semanas tamén estará dispoñíbel no noso país a través dos distribuidores habituais.