Wiko anunciou onte o lanzamento de dous novos terminais, o Wiko Jerry 2 e o Wiko Sunny 2. Ambos os dous dispositivos son modelos de entrada, teléfonos sinxelos para un público que busca un trebello básico e sen moitas pretensións. Malia iso, non renuncian ás cores que marcaron a primeira xeración de Jerry e Sunny, aínda que desta vez empregando o aluminio como material predominante.
O Jerry 2 vén con pantalla HD de 5 polgadas e no seu interior leva un procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, xunto con 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, mentres que o Sunny 2 conserva as 4 polgadas de pantalla e integra un procesador Quad Core de 1,2 GHz e 512 MB de RAM con 8 GB de interna. En ambos casos a cámara principal é de 5 megapíxeles e veñen con Android 7.0 Nougat.
Dispoñibilidade e prezo
O Wiko Jerry 2 está dispoñíbel por 99 euros en dourado, gris espacial, prata e turquesa, mentres que o Sunny 2 custa 59 euros e foi deseñado en cor lima, prata, turquesa e gris espacial. Con tes prezos constitúen unhas opcións interesantes para o público menos esixente, aínda que antes de facerse cun hai que ter claro cales son as súas limitacións.