Alcatel, unha das marcas que agora emprega o fabricante chinés TCL, vén de anunciar o lanzamento dun novo dispositivo económico, o Alcatel U5 4G. Trátase dun trebello que, malia non chegar aos 100 euros, non renuncia a incluír unha pantalla de 5 polgadas e á conectividade 4G.
O novo Alcatel U5 4G incorpora unha pantalla de 5 polgadas con resolución FWVGA (854 x 480 píxeles), e no seu interior leva un procesador MediaTek MT6737M de catro núcleos a 1,1 GHz, xunto con 1 GB de RAM e 8 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD.
No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 8 megapíxeles e outra frontal de 5 megapíxeles, ambas as dúas con flash LED. A batería ten 2050 mAh de capacidade e o sistema operativo é Android 6.0 Marshmallow.
Con estas especificacións estamos ante un dispositivo de gama baixa ou entrada, un terminal sinxelo orientado unicamente a persoas que fan un uso moi básico do móbil, xa que co procesador que leva e a combinación 1 GB de RAM + 8 GB de interna non podemos agardar grandes marabillas.
O Alcatel U5 4G está dispoñíbel por 99,99 € e xa se pode mercar en varias tendas, estando dispoñíbeis en 3 cores diferentes.