Elephone P8 3D, un novo intento de termos móbiles 3D?

Falar de móbiles 3D non é falar de algo novo. Anos atrás púxose de moda falar do 3D e apareceron televisores e móbiles con soporte a esta tecnoloxía. No que ten a ver cos trebellos, o LG Optimus 3D ou o HTC Evo 3D foron dous grandes protagonistas que, malia todo, tiveron pouco éxito no mercado.

Tras todos estes anos volvemos falar do 3D grazas a Elephone, do que vimos de coñecer o novo Elephone P8 3D. O trebello incorpora unha pantalla FullHD de 5,5 polgadas e no seu interior leva un procesador MediaTek MT6750T, xunto con 4GB de memoria RAM e unha memoria interna de 64 GB ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No apartado fotográfico,na parte traseira temos unha cámara dobre formada por dous sensores de 13 e 2 megapíxeles, mentres que na cámara frontal hai un só sensor de 16 megapíxeles.

Tecnoloxía 3D en pantalla

De todas as súas especificacións non cabe dúbida de que a que fai peculiar a este dispositivo é a súa capacidade para visualizar contidos en 3D na pantalla sen necesidade de empregarmos lentes. Ademais, o P8 3D tería tecnoloxía Eye-Tracking, que permite ver unha imaxe de diferentes xeitos segundo cal sexa o ángulo co que se mira a pantalla.

Dispoñibilidade e prezo

O Elephone P8 3D aínda non ten confirmación oficial, polo que tamén poderíamos estar a falar dun prototipo bastante avanzado. En calquera caso, descoñecemos a súa data de presentación e, sobre todo, a que prezo podería saír ao mercado. Haberá que estar atentas ás novas que se produzan nas próximas semanas sobre o tema.

 

Sobre o autor

Reply