O agardado desco 4K de R baseado en Android xa é unha realidade

Hai xa máis dun ano desde que tivemos as primeiras novas sobre o que será a futura televisión de R, que xa é unha realidade. Falamos dun dos pasos máis importantes dados pola compañía neste eido, un dos cinco piares nos que a operadora basea o seu negocio, xunto coa telefonía fixa, móbil, Internet e, máis recente, a domótica.

A gran novidade é o descodificador 4K baseado en Android, un novo aparello que sustituirá aos descos actuais convertendo calquera televisión nunha smartTV, engadindo ademais todas as vantaxes de Android TV. Deste modo, ademais de ter acceso á televisión de R será moito máis doado ver vídeos de YouTube, Vimeo, redes sociais ou acceder a plataformas como HBO ou Netflix.

O novo desco mantén Rebobina, un dos servizos estrela da televisión de R, que permite ás usuarias ver contidos que xa foron emitidos en varias canles de televisión. A isto hai que sumar un gravador de contidos na nube que permite ás usuarias gravar as emisións dunha serie de canles (até un máximo de 350 horas de vídeo se se ten contratado “festa rachada”) e telas dispoñíbeis durante un mes.

Outras vantaxes do novo desco son a presenza da “pausa do directo“, unha funcionalidade que nos permite pausar o que esteamos a ver e retomar a emisión onde a deixamos con tan só darlle ao play), ou o acceso á guía de programación. Así mesmo, e non menos importante, a calidade que admite será 4K, polo que cada vez poderemos ter mellor calidade de imaxe, sempre e cando os contidos sexan emitidos nesta resolución (e teñamos unha tele compatíbel).

O cambio do desco actual ao novo desco 4K é gratuíto, mais para iso é preciso ter algún dos novos paquetes de televisión (tv festa rachada, tv festa, tv ocio + nenos ou tv ocio + cine) e permanecer nel durante 12 meses. No caso de non botar o tempo mínimo cobrarase unha penalización.

Sobre o autor

Reply