Con agosto case mediado, vai quedando menos para a chegada do outono, a época na que Google adoita anunciar as novas versións do sistema operativo Android. Como sempre que falamos dunha nova actualización, temos que poñer o foco nos terminais confirmados para recibila, mais tamén naqueles que quedan sen recibir a nova dose de Android e, polo tanto, condenados ao esquecemento.
A pesar de non pasar polo seu mellor momento, Sony é un dos fabricantes que mellor traballan o tema de actualizacións, achegando a moitos deles as últimas versións. Semella que o fabricante nipón ten previsto seguir nesa mesma liña con Android 8, polo que é relevante a filtración da listaxe de dispositivos que recibirán esta nova versión, previsibelmente no mes de decembro. Son os seguintes:
- Sony Xperia XZ Premium
- Sony Xperia XZS
- Sony Xperia XA1
- Sony Xperia L1
- Sony Xperia X Compact
- Sony Xperia XZ
- Sony Xperia X Performance
- Sony Xperia X
- Sony Xperia XA1 Ultra
Do mesmo xeito, a filtración tamén descubre cales serán os modelos que non van recibir máis actualizacións de software importantes, é dicir, que non recibirán Android 8, aínda que poderán ter algunha pequena actualización de seguridade. Serán estes:
- Sony Xperia Z4
- Sony Xperia Z3
- Sony Xperia M5
- Sony Xperia Z4V
- Sony Xperia C5 Ultra
- Sony Xperia C5
- Sony Xperia M4 Aqua
- Sony Xperia C5
No limbro de non saber se actualizarán ou non a Android O queda toda a familia Z5 (Z5, Z5 Premium e Z5 Compact), ademais do Xperia XA e o Xperia E5.
Haberá que agardar aínda unhas semanas para ver como Sony xestiona estas actualizacións, mais tamén para descubrirmos que teñen pensado facer o resto de fabricantes cos seus terminais.