O Galaxy Note 8 non garda segredos a 13 días da súa presentación oficial

23 de agosto. Esa é a data na que Samsung fará o anuncio oficial do Galaxy Note 8, o modelo que, xunto cos Galaxy S8 / S8+ centra a atención do fabricante neste 2017. As espectativas son moi altas, sobre todo logo dos éxitos que están a colleitar os S8 polo seu importante paso adiante en deseño e prestacións.

Porén, tal e como está acontecendo ultimamente nas xornadas previas ás presentacións, os diferentes “leakers” habituais foron dando a coñecer todos os datos, incluíndo imaxes de prensa oficiais e toda a listaxe de especificacións, co que a estas alturas a presentación garta poucos segredos, máis aló das posíbeis innovacións software, que estamos seguras de que as haberá.

O Galaxy Note 8 contará coa pantalla “infinita” do Galaxy S8, aínda que con 0,1 polgadas máis ca o S8+, chegando ás 6,3 polgadas. A resolución será de 1440 x 2960 píxeles e o ratio de aspecto 18:9. No interior levará, dependendo da versión, procesadores Exynos 8895 ou Qualcomm Snapdragon 835, xunto con 6 GB de memoria RAM e 64 ou 128 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD.

No apartado fotográfico temos un dos maiores avances, xa que Samsung estreará a combinación de dobre cámara, con dous sensores de 12 megapíxeles que permitirán ás usuarias xogar con efectos de desenfoque. A cámara frontal será de 8 megapíxeles, con apertura f/1.7, e disporá dunha batería de 3300 mAh de capacidade.

En canto a deseño, este será moi semellante aos dos Galaxy S8 / S8+, aínda que facéndoo un pouco máis “cadrado” nas esquinas. Mantense o lector de pegadas dixitais nunha posición traseira, onda as cámaras, deixando para próximos modelos a innovación do lector baixo a pantalla, imaxinamos que de cara un futuro “Galaxy S9”.

Malia todos estes datos, fica por saber toda a innovación que vai traer o S-Pen, o lapis que acompaña a cada Note desde a primeira versión. Na toma de contacto co Galaxy Note7 (que non chegaría a poñerse á venda) puidemos ver moitas funcionalidades novas para sacarlle todo o partido ao dispositivo, incluíndo a escritura baixo a auga. É de supór que todo isto estará no Note 8, mais que tamén haberá novas sorpresas.

Dispoñibilidade e prezo

Está previsto que o Samsung Galaxy Note 8 chegue aos diferentes mercados durante o mes de setembro, nun primeiro momento en Midnight Black e Maple Gold, e un pouco máis adiante noutras cores, como o Orchid Grey e o Deep Sea Blue. A falta de confirmación, especúlase que o seu prezo rondará os 1000 euros.

Sobre o autor

Reply