Como xa vén sendo habitual, a próxima versión de Android chegará acompañada de novos dispositivos co selo “pure Google“. Falamos de trebellos da serie Pixel, coa que Google desterrou os anteriores Nexus hai un ano, e que neste 2017 terán continuidade con outros dous novos modelos, os Pixel 2 e Pixel 2 XL.
O pequeno destes dispositivos foi descuberto nunha imaxe oficial polo leaker Evan Blass, deixando ver un deseño continuísta coa liña do ano pasado, na que se combinan materiais como o aluminio e o cristal. Porén, o asunto máis “delicado” é a perda do conector jack 3.5 de audio, sumándose así a un crecente número de modelos que están a prescindir del.
A ausencia deste conector obriga ás usuarias a empregar uns auriculares sen fíos por Bluetooth ou ben escoller uns con conexión USB Tipo C (ou, como terceira opción, un adaptador USB-C a jack de 3.5, compatíbel cos auriculares que empregamos até o de agora).
Polo demais, até o de agora non houbo grandes filtracións das especificacións técnicas deste novo Pixel, fabricado por HTC, nin tampouco da versión XL, que segundo parece estaría a facer LG. Aínda quedan unhas cantas semanas para que estes trebellos sexan oficiais e, polo tanto, que coñezamos con todo luxo de detalles o que teñen que ofrecer.
Qué manía máis absurda. A cargar con máis cables ou perder a radio. Cómo se nota cando xa non se sabe qué inventar.