bq renova a súa serie “Aquaris U” e lanza a nova serie V

O fabricante español bq vén de anunciar o lanzamento de novos terminais, dispositivos que se enmarcan dentro da gama media, mais un pasiño por baixo dos Aquaris X / X Pro, que seguen a ser a día de hoxe os modelos referenciais da marca.

Os novos bq Aquaris V, Aquaris V Plus, Aquaris U2 e Aquaris U2 Lite son a evolución da serie U, que foi estreada hai un ano e supuxo un importante paso adiante en moitos aspectos, especialmente en deseño. Os novos trebellos seguen avanzando nesa liña, resultando máis atractivos por dentro e por fóra, en boa medida grazas a ter sabido aproveitar o aprendido coa serie X.

Aquaris V / V Plus

Fabricado en policarbonato e aluminio, o novo Aquaris V é o modelo máis ambicioso dos tres. Está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 435 (oito núcleos a 1,4 GHz), 2/3 GB de memoria RAM e 16/32 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 256 GB.

A súa pantalla é un panel IPS de 5,2 polgadas, con resolución HD (720 x 1280 píxeles), protección DinoRex e unha lixeira curvatura 2.5D. A nível fotográfico, a cámara principal é un sensor Sony IMX386 de 12 megapíxeles e apertura f/2.0, mentres que frontal é o modelo Samsung S5K4H8, de 8 Mpx e apertura f/2.0. Ambas as dúas dispoñen de flash.

Outras especificacións a destacar deste trebello son: protección fronte a pó e salpicaduras (IP52), sistemas de posicionamento GPS / Galileo / Glonass, NFC; lector de pegadas dixitais e batería de 3100 mAh con carga rápida (Quick Charge 3.0, cargador incluído). En canto ao sistema operativo, ponse á venda con Android 7.1.2 (Nougat), aínda que en breve vai actualizar a Android 8 (Oreo).

No caso do Aquaris V Plus a diferenza principal témola na pantalla, de 5,5 polgadas con resolución 1920 x 1080 píxeles. Neste modelo tamén cambian as opcións de memoria, podendo elixir entre a combinación 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna ou por 4 + 64 GB.

Aquaris U2

Con nome de banda de rock, o Aquaris U2 comparte gran parte das súas especificacións co Aquaris V (mesma pantalla, procesador, batería, sistema operativo…). Os principais cambios entre eles atopámolos nas memorias (16 GB de interna e 2 GB de RAM) e na cámara.

A cámara principal do Aquaris U2 é un sensor Samsung S5K3L8 de 13 megapíxeles e apertura f/2.2, e a frontal un modelo Samsung S5K5E8 de 5 megapíxeles e apertura f/2,0. Ao igual ca no outro dispositivo, ambas cámaras levan o seu correspondente flash tipo LED.

A batería é de 3100 mAh de capacidade e dispón de NFC, resistencia a salpicaduras e pó segundo o estándar IP52 e Android 7.1.2 como sistema operativo, actualizábel a Oreo.

bq Aquaris U2 Lite

Finalmente, o U2 Lite é o modelo máis básico dos tres, e nel xa atopamos máis diferenzas cos outros dous dispositivos, aínda que compartindo a mesma pantalla de 5,2 polgadas, formato 18:9 e resolución HD.

No interior do U2 Lite temos un procesador de catro núclos Qualcomm Snapdragon 425, xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB. Ao igual ca os outros dous, leva todos os sistemas de xeoposicionamento e batería con sistema de carga rápida.

A cámara principal é unha Samsung S5K4H8 de 8 Mpx (a mesma que leva o Aquaris V como cámara frontal), e a frontal unha Samsung S5K5E8 de 5 megapíxeles, e como sistema operativo tamén leva Android 7.1.2 de partida.

Dispoñibilidade e prezo

A dispoñibilidade dos novos trebellos de bq é a seguinte:

  • Aquaris V 16 + 2 GB: 199,90 €, cores Deep Black e Mist Gold. Dispoñíbel en outubro.
  • Aquaris V 32 + 3 GB: 229,90 €, cores Deep Black e Mist Gold. Dispoñíbel en outubro.
  • Aquaris V Plus 32 + 3 GB: 249,90 €, cores Deep Black e Mist Gold. Dispoñíbel en novembro.
  • Aquaris V Plus 64 + 4 GB: 279,90 €, cores Deep Black e Mist Gold. Dispoñíbel en novembro.
  • Aquaris U2 16 + 2 GB: 179,90 €, cores Carbon Black e Sand Gold. Dispoñíbel en outubro.
  • Aquaris U2 Lite 16 + 2 GB: 159,90 €, cores Carbon Black e Sand Gold. Dispoñíbel en outubro.

Sobre o autor

No Responses

Reply