O auxe das cámaras en 360 graos é imparábel, e boa mostra diso é que pouco a pouca van aparecendo novas apostas dos diferentes fabricantes. Acer súmase a esta crecente listaxe con dous novos produtos, a Acer Holo 360, que permite capturar, visualizar, editar e compartir o vídeo desde un só dispositivo, e a Acer Vision360, unha cámara pensada para o coche conectada coa nube.
Acer Holo 360
A Holo 360 é unha cámara conectada con procesador Qualcomm Snapdragon 625 que conta con ópticas panomórficas certificadas por ImmerVision capaces de capturar imaxes en alta resolución (6,9 K en fotografía e 4K en vídeo).
O gadget funciona con Android 7.1, permitindo ás usuarias compartir vídeos e fotos en 360 graos directamente nas redes sociais ou previsualizalos sen necesidade de ter que sincronizar cun smartphone ou ordenador.
Acer Vision 360
Pola súa banda, a Acer Vision 360 componse de dúas cámaras que aseguran que cada ángulo do coche quede gravado con calidade 4K. En caso de accidente, a cámara actívase gravando e gardando as coordenadas GPS co lugar do suceso. O contido quedará gardado na zona segura de almacenaxe do dispositivo, mais tamén na nube para servir de posíbel proba de seguridade.
Hai que ter en conta que este sistema non só funciona cando o coche está en marcha, senón tamén estando estacionado. Deste xeito, se alguén golpea o noso vehículo a cámara iniciará a gravación, de maneira que poderemos identificar á persoa que tivera realizado este percance.