CAT anuncia os novos S41 e S31, terminais de alta durabilidade

A empresa de teléfonos ultrarresistentes Cat Phones vén de presentar no noso país dous novos modelos que pertencen á nova xeración de teléfonos robustecidos. Son o Cat S41, con batería de longa duración, e o Cat S31, máis orientado ao uso ao aire libre.

Ambos os dous poden ser empregados mesmo coas mans molladas ou baixo a influencia directa do sol grazas á súa pantalla anti reflexos, e están especialmente pensados para usuarias que traballan en diferentes industrias ou que realizan actividades de ocio que pon os móbiles a proba.

Cat S41

O Cat S41 é o sucesor do Cat S40 e conta cunha batería de 5000 mAh de capacidade capaz de aguantar até 38 horas de conversa en 3G; ademais, pode empregarse como powerbank para cargar outros dispositivos, xestionando desde unha aplicación propia a cantidade máxima de carga que transferirá a outros trebellos.

En canto ao resto de especificacións, o Cat S41 leva unha pantalla FHD de 5 polgadas con protección Gorilla Glass 5, procesador MediaTek de oito núcleos a 2,3 GHz, 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna (ampliábeis con microSD de até 2 TB).

As súas cámaras son de 13 e 8 megapíxeles, a principal (13 Mpx) con flash LED e enfoque automático PDAF, e ambas as dúas con funcionalidade de modo subacuático.

Cat 31

Pola súa banda, o Cat 31 chega para suceder ao Cat S30, un modelo de gama máis básica. Está dotado dunha batería de 4000 mAh e conta con certificación IP68, sendo resistente á auga, pó e a caídas desde 1,8 metros de formigón; de feito, pasou o test MIL SPC 810G para móbiles de alta resistencia, o que garante o bo funcionamento en condicións extremas.

Leva unha pantalla táctil HD de 4,7 polgadas (720 píxeles) protexida con Gorilla Glass 3. No interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcelos a 1,2 GHz, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis mediante microSD.

A cámara principal é de 8 megapíxeles e a dianteira de 2 megapíxeles. Leva LTE Cat 4, VoLTE, VoWiFI e tecla de acceso programábel.

Dispoñibilidade

O Cat S41 ten un prezo de 449 euros e xa se pode mercar a través da web catphones.com ou en varios comercios e operadores, mentres que o Cat S31 custará 329 euros e chegará ás tendas a finais de ano.

Sobre o autor

Reply