Chilli, móbil e spinner nun só dispositivo de menos de 20 euros

Nos últimos meses sucumbimos á moda dos spinners, uns xoguetes antiestrés consistentes nun eixo con dous, tres ou máis brazos que xiran sobre si mesmos. Agora unha empresa vén de dar un paso máis e anunciar o primeiro móbil – spinner, un accesorio curioso que xa se vende na India a través de Amazon.

Fabricado por Chilly, o trebello é un teléfono funcional ao que lle podemos poñer unha tarxeta SIM, aínda que tamén pode ser empregado como sistema mans libres Bluetooth para o noso smartphone. Porén, como xa dixemos, o máis curioso do aparello é que é un finger spinner.

O teléfono en cuestión integra unha pantalla TFT de 1 polgadas con resolución 128 x 96 píxeles e leva unha memoria interna de 32 MB ampliábeis por microSD de até 8 GB. A batería é de 280 mAh e como característica “premium” integra un lector de MP3.

O Chilly 188 pódese mercar na India por algo menos de 17 euros ao cambio, un prezo bastante asumíbel se falamos de que temos 3 dispositivos nun. Mercaríadelo?

Sobre o autor

Reply