Huawei anuncia os novos Mate 10 e Mate 10 Pro

A estas alturas do ano case todos os fabricantes amosaron as súas bazas tecnolóxicas e Huawei, logo de ter anunciado no MWC do pasado febreiro os Huawei P10 e P10 Plus, presentou hoxe o novo Huawei Mate 10, que vén a ser o seu modelo referencial para o que queda de ano. Como xa vén sendo habitual na marca, o novo modelo chega cunha variante aínda máis ambiciosa, o Huawei Mate 10 Pro.

Con estes trebellos o fabricante chinés aspira a mudar o xeito no que as usuarias empregamos os nosos dispositivos, pois se trata dos primeiros smartphones de uso comercial que dispoñen dun procesador exclusivamente adicado á intelixencia artificial, de maneira que son capaces de reaccionar moito mellor ao noso comportamento ou de recoñecer obxectos dunha maneira moito máis doada.

Polo demais, ambos modelos veñen equipados con pantallas de 6 polgadas, aínda que un con resolución 2560 x 1440 e ratio 16:9 (Mate 10) e outro con 2160 x 1080 e formato 18:9 (Mate 10 Pro). O procesador, de fabricación propia, é un Kirin 970 con NPU para intelixencia artificial, e está acompañado de 4 ou 6 GB de RAM e  de 64 ou 128 GB de memoria interna.

A cámara traseira está formada por un sensor dobre, combinación dunha cámara de 20 megapíxeles monocroma e outra de 12 megapíxeles RGB con estabilizador óptico de imaxe, mentres que a frontal é de 8 megapíxeles.

Por outra banda, a batería é de 4000 mAh de capacidade con carga rápida, e entre as opcións de conectividade temos 4×4 MIMO WiFi, LTE Cat 18 e USB Tipo C. Como sistema operativo temos Android 8.0 de serie con EMUI  8.

Ademais da calidade e formato da pantalla, temos outras diferenzas entre a versión estándar do novo Huawei Mate 10 e o modelo “Pro”. Neste último o lector de pegadas dixitais sitúase na parte traseira do dispositivo. Ademais, o Mate 10 Pro prescinde de conector de audio jack 3.5 mm e inclúe resistencia á auga e ao pó.

Dispoñibilidade e prezo

O Huawei Mate 10 custará 699 € na versión 5 + 64 GB, mentres que o Huawei Mate 10 Pro 6 + 128 GB subirá até os 799 euros. Haberá un terceiro modelo, o Huawei Mate 10 Porsche Design que custará 1395 € e levará unha configuración de 6 + 256 GB.

Ao noso país unicamente chegarán a versión estándar e o modelo Porsche Design, aínda que haberá que agardar ao mes de novembro.

Sobre o autor

No Responses

Reply