Grazas á filial de Samsung en Filipinas podemos coñecer as especificacións e o deseño de dous novos integrantes da familia “J” de Samsung, a liña máis básica do fabricante surcoreano. Trátase dos novos Samsung Galaxy J7+ e do Galaxy J7 Core.
Samsung Galaxy J7+
O Galaxy J7+ conta cunha dobre cámara principal de 13 e 5 megapíxeles como característica máis destacada. Cada un destes sensores leva unha apertura de f/1.7 e f/1.9, respectivametne, cos que poderemos empregar a función Live Focus, algo que até o de agora só atopabamos en modelos de gama superior. Grazas a esta funcionalidade poderemos controlar o desenfoque do fondo das imaxes tanto antes como despois de tomar a fotografía.
O resto de especificacións son as típicas da gama a que pertence o trebello, destacando a pantalla SuperAMOLED de 5,5 polgadas Full HD, a batería de 3000 mAh, 4 GB de RAM e 32 GB de capacidade interna e un procesador MEdiaTek Helio P25 de oito núcleos a 2,39 GHz. En canto á cámara dianteira, temos un sensor de 16 megapíxeles con flash LED e unha apertura de f/1.9. O que botamos en falta é o chip NFC e o soporte para ANT+.
O Galaxy J7+ estará dispoñíbel en Filipinas en tres cores (negro, ouro e rosa) por uns 330 euros ao cambio, aínda que tendo en conta os prezos actuais da serie J o máis probábel e que chegue ao noso páis cun prezo máis próximo aos 400 euros.
Samsung Galaxy J7 core
No lado contrario, o Galaxy J7 Core é a outra novidade de Samsung e supón a chegada dunha versión máis básica da familia J7. Del destacamos a pantalla SuperAMOLED de 5,5 polgadas, aínda que con resolución HD. A RAM é de 2 GB e a memoria interna de 32 GB ampliábeis.
O procesador elixido para esta versión é o Exynos 7870 de 14 nanómetros e a cámara principal é un sensor dobre de 13 e 5 megapíxeles, aínda que con menores aperturas (f/1.9 e f/1.9).
Este axuste nas especificacións tamén supón unha notábel redución de prezo, pois no mercado filipino estará dispoñíbel por uns 165 euros ao cambio.