Os móbiles con dobre cámara traseira están á orde do día, mais agora semella que a industria (ou parte dela) quere ir un paso máis aló, incorporando este tipo de tecnoloxías tamén nas cámaras frontais. É o caso de Nubia e os seus novos trebellos, o Nubia Z17 S e o Nubia Z17 mini S.
Ambos os dous contan cun deseño coidado, marcos recurtados sen apenas bordes e unhas prestacións máis ca interesantes. Vexámolos un pouco máis polo miúdo.
Nubia Z17 S
O primeiro deles ten unha pantalla de 5,73 polgadas con resolución 2160 x 1080 píxeles e no seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 835 con GPU Adreno 540, xunto con 6 ou 8 GB de memoria RAM e 64 ou 128 GB de memoria interna ampliábeis.
No apartado fotográfico, que como dixemos é un dos aspectos que máis destacan do modelo, temos unha cámara traseira formada por dous sensores Sony, un de 12 megapíxeles con apertura f/1.8 e outro de 23 megapíxeles con apertura f/2.0. Por outro lado, a cámara frontal ten unha dobre cámara de 5 megapíxeles con apertura f/2.2.
No aspecto da conectividade vén con sistema dual SIM, LTE, WiFi 802.11ac de dobre banda, Bluetooth e NFC. A batería é de 3100 mAh con conector USB Tipo C e leva Android 7.1.1 Nougat personalizado coa interface Nubia UI 5.1.
Nubia Z17 mini S
Pola súa banda, o Z17 Mini S é un modelo que incorpora unha pantalla de 5,2 polgadas con resolución 1920 x 1080 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 653 con GPU Adreno 510, 6 GB de memoria RAM e 64 GB de capacidade interna ampliábeis por microSD.
Ao igual ca o outro modelo, temos un sistema de dobre cámara en ambos lados do trebello. Na parte frontal está equipado cun sensor de 16 megapíxeles e apertura f/2.0 e outro de 5 Mpx con f/2.2, mentres que na parte traseira dispón de dúas cámaras de 13 megapíxeles, unha monocromo e outra RGB con f/2.2.
Non lle falta conectividade 4G, WiFi 802.11ac de dobre banda, Bluetooth 4.1 ou NFC. A batería queda nos 3200 mAh con USB Tipo C e tamén leva Android 7.1.1 Nougar con Nubia UI 5.1
Dispoñibilidade e prezo
Ambos os dous terminais chegan ao mercado chinés este mesmo mes, e de momento non temos información sobre a súa posíbel incorporación ao catálogo de Nubia no noso país.
En canto a prezos, o Nubia Z17 S poderase mercar en negro e azul por uns 380 euros na versión 6+64 GB e por arredor de 500 euros na de 8+128 GB; por outro lado, o Nubia Z17 Mini S custará uns 250 euros en negro / dourado e arredor de 270 euros en azul.