Huawei Mate 10 Lite, a versión “descafeinada” do Mate 10

Días atrás Huawei anunciou os novos Huawei Mate 10, uns modelos que integran as mellores innovacións do fabricante chinés até o de agora, incluíndo funcionalidades que tiran da intelixencia artificial. Ademais do Mate 10 e Mate 10 Pro (coa variante Porsche Design) temos un Mate 10 Lite, un modelo algo máis modesto ca os outros dous, aínda que cunhas especificacións de altura.

O Mate Lite ten máis ben pouco de “lite”, pois vén cunha pantalla de 5,9 polgadas LCD con resolución 1080 x 2160 (ratio 18:9). No interior leva un procesador HiSilicon Kirin 659 de oito núcleos (catro a 2,36 GHz e outros catro a 1,7 GHz), xunto con 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna ampliábeis.

A cámara traseira é un sensor dual formado por un de 16 megapíxeles e outro de 2, con detección de fase e flash LED, mentres que na cámara frontal temos outro sensor dual, neste caso formado por cámaras de 13 e 2 megapíxeles.

Como sistema operativo leva Android 7.1 aderezado con EMUI 5.1. Ademais, complementando a folla de especificacións temos lector de pegadas dixitais (na parte traseira), microUSB e Bluetooth 4.1.

Dispoñibilidade e prezo

O Huawei Mate 10 Lite chegará en novembro por 349 euros. Estará dispoñíbel en tres cores: negro, azul e dourado.

Sobre o autor

Reply