HTC anuncia dous novos terminais: así son U11 Life e U11+

A semana pasada HTC anunciou o lanzamento de dous novos terminais, o U11 Life e o U11+. O primeiro deles é un modelo “Android One”, deseñado en colaboración con Google e cunha experiencia software Android pura, mentres que o U11+ dispón de máis pantalla e batería nun deseño delgado e cunha superficie líquida translúcida.

HTC U11 Life

O U11 Life incorpora unha pantalla LCD de 5,2 polgadas con resolución Full HD 1080p (1080 x 1920 píxeles) e protexida mediante Corning Gorilla Glass. No interior leva un procesador Qualcomm 630 de oito núcleos, xunto con 3 GB de RAM e 32 GB de memoria ou 4 GB de RAM e 64 GB de memoria, segundo versións.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 16 megapíxeles, con autoenfoque por detección de fase e unha apertura f/2.0. A cámara frontal é un sensor semellante, tamén de 16 megapíxeles e coa mesma apertura, e a aplicación de cámara permite xestionar os parámetros de maneira manual.

Como sistema operativo leva Android 8.0 Oreo de fábrica e recibirá actualizacións de software directamente de Google durante un tempo. Así mesmo, os seus bordes son táctiles para habilitar funcións a maiores, como nos últimos modelos de HTC, e leva 2600 mAh de batería con carga rápida. Cómpre sinalar tamén que é un trebello resistente a salpicaduras e pó segundo o estándar IP67

HTC U11+

Pola súa banda, o U11+ está pensado para as usuarias que gostan dos teléfonos de gran pantalla, xa que leva un panel de 6 polgadas, neste caso con resolución QHD+ (2880 x 1440 píxeles) e protección Gorilla Glass 5.

O procesador é un dos modelos máis emblemáticos de Qualcomm neste 2017, o Snapdragon 835, e xunto a el temos 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna ou 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna na versión máis alta.

A cámara principal é un sensor de 12 megapíxeles con tecnoloxía ultrapíxel e enfoque ultra rápido. Leva estabilización de imaxe óptica (OIS), flash dual tipo LED e ten unha apertura de f/1.7. A cámara frontal é de 8 megapíxeles, cunha apertura de f/2.0, pero se por algo destaca é pola súa apertura de campo de 85 graos.

En canto á construción, trátase dun teléfono bastante delgado para as súas dimensións e compacto, protexido de auga e pó segundo o estándar IP68. A batería é de 3930 mAh, polo que cabe agardar un bo rendemento neste sentido.

Dispoñibilidade e prezo

Polo de agora descoñécese a dispoñibilidade destes produtos así como o seu prezo, polo que cabe agardar uns días a que o fabricante amplíe esta información.

Sobre o autor

Reply