Tras ser presentado no IFA de Berlín, o LG V30 xa ten data de lanzamento no noso país. Será a partir do 15 de decembro cando o terminal máis avanzado até a data do segundo fabricante surcoreano máis internacional chegue ás tendas por un prezo bastante interesante para a súa gama: 899 euros.
O dispositivo conta cunhas especificacións á altura dos mellores trebellos de alta gama, comezando pola súa pantalla de 6 polgadas QuadHD+ OLED FullVision (2880 x 1440, 538 píxeles por polgada) e unha relación de aspecto 18:9. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 835, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 2 TB.
No apartado fotográfico atopámonos cunha cámara principal dual, 16 megapíxeles (ángulo estándar, f/1.6) ou 13 megapíxeles en gran angular (f/1.9). Por outro lado, temos unha cámara frontal de 5 megapíxeles, tamén gran angular (f/2.2).
A batería é de 3.300 mAh de capacidade con carga rápida e tamén carga sen fíos. Leva 4G LTE Cat16, Bluetooth 5.0 BLE, NFC e UBS Tipo C. Tamén é resistente á auga e pó segundo o estándar IP68 e dispón de lector de pegadas dixitais na parte traseira do dispositivo.
Un televisor na palma da man
Aínda que son moitos os aspectos que destacan neste teléfono, a pantalla é o principal. Trátase do primeiro terminal en incorporar un panel OLED FullVision, capaz de reproducir contidos HDR10, polo que temos o mellor da experiencia de imaxe de LG en televisión na palma da man. Ademais, no apartado de audio, temos unhas capacidades desenvoltas xunto Bang & Olufsen Play (B&O Play) e un Quad DAC Hi-FI de 32 bits.
Para disfrutar desta experiencia multimedia a caixa na que se venderá o teléfono inclúe uns auriculares Premium de B&O Play valorados en 149 euros.
Dispoñibilidade e prezo
Tal e como adiantamos ao comezo do artigo, o LG V30 chegará ás tendas do noso país o próximo 15 de decembro por 899 euros. Poderase mercar en dúas cores, gris (cloud silver) ou azul.