A finais da semana pasada presentouse en Carballo a nova plataforma de televisión multicámara de R, unha das últimas innovacións tecnolóxicas da operadora galega, que permitirá a retransmisións dos partidos do Clube de Balonmán Xiria a través da televisión de R coa posibilidade de escoller o ángulo de visión.
O sistema empregado para a retransmisión dos partidos está conformado por catro cámaras que funcionan de xeito automático grazas ao seu sistema de intelixencia artificial. Isto permite gravar os diferentes puntos de vista do campo e seguir toda a acción do partido.
Por outro lado, as espectadoras poden, desde a súa casa, mudar a perspectiva do que está a acontecer no campo cambiando de cámara, algo que o sistema fai en 0,15 segundos, un tempo que segundo explican desde R fai que sexa o cambio de cámara máis rápido do mundo.
Todo este sistema creado por Cinfo (empresa filial de R), está instalado na nube, de maneira que o sinal de cada cámara conectada á rede de fibra óptica de R chega directamente á plataforma sen que sexa preciso despregar máis equipamento nos pavillóns ou recintos deportivos.
O Clube Xiria é o pioneiro en disfrutar desta tecnoloxía para os seus encontros, e os seus partidos poderán verse a través do desco 4K de R desde o 15 de decembro. Será cunha app chamada “deportes R”, que permite ver os contidos comodamente con total control da emisión, incluíndo a pausa ou o rebobinado das imaxes, alén do xa comentado cambio de cámara. Ademais, o sistema tamén permite disfrutar dos contidos a través dunha aplicación para Android ou iOS.
A experiencia piloto do Xiria non quedará nunha anécdota, pois R abre a porta a calquera clube ou equipo interesado en ter un espazo na televisión R. O operador será o socio tencnolóxico que se encargará de montar toda a plataforma necesaria nas instalacións deportivas, sendo o equipo o encargado da emisión de contidos e de xestionar os dereitos e autorizacións pertinentes para ilo.