GS270, o novo smartphone de Gigaset

Gigaset vén de lanzar un novo smartphone ao mercado, o Gigaset GS270, que destaca pola súa autonomía grazas á incorporación dunha batería de ion-litio de 5000 mAh de capacidade con carga rápida, sen que isto supoña renunciar a un deseño coidado de gama media.

O GS270 leva unha pantalla Full HD de 5,2 polgadas con curvatura 2.5D. No seu interior dálle vida un procesador de oito núcleos a 1,5 GHz, que está acompañado de 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna (ou 2 + 16 GB noutra configuración), que poderemos ampliar a través de tarxetas microSD de até 128 GB.

No apartado fotográfico, a cámara principal é de 13 megapíxeles con autofoco rápido, lente recuberta de cinto capas e apertura f/2.2. Por outro lado, na parte frontal temos unha cámara de 5 megapíxeles.

A batería de 5000 mAh promete unha autonomía superior a outros modelos da mesma gama, pois sitúase uns 2000 mAh por riba da media nese segmento. Dispón de carga rápida, aínda que completala leva arredor de 4 horas.

Completando a lista de especificacións temos dual SIM para poder empregar dúas tarxetas ao tempo (a segunda SIM comparte espazo coa microSD, polo que non podemos facer uso de dúas SIM e unha tarxeta de memoria ao mesmo tempo), 4G LTE Cat6, Bluetooth 4.0 LE , lector de pegadas dixitais situado na parte traseira e Android 7.0 Nougat como sistema operativo.

O Gigaset GS270 xa está dispoñíbel en diversas tendas a un prezo de 199 € para o modelo de 16+2 GB e ou de 229 € no caso do de 32+3 GB. Ademais tamén pode mercarse directamente na web do fabricante.

Sobre o autor

Reply