Fíltrase o deseño do Nokia 9, desta vez a través de Amazon

Que sería do mundo da tecnoloxía sen as filtracións? Canto menos tempo queda para a presentación oficial do novo Nokia 9 máis imaxes e datos imos coñecendo sobre el. Desta vez a culpa foi de Amazon, en cuxa páxina apareceron imaxes do vindeiro terminal da marca.

En concreto foi a través da páxina da tenda online de Reino Unido, onde se puxo á venda unha funda para o trebello que, de rebote, deixou ao descuberto a súa apariencia física.

Tal e como podemos ver na imaxe superior, o terminal terá a parte frontal ocupada por unha pantalla que chega aos bordes, facendo que o conxunto de botóns clásicos de Android teñan que ser virtuais e que o lector de pegadas dixitais teña que pasar á parte traseira do dispositivo.

Ademais, Nokia tamén coloca dous sensores de cámara, algo que é unha tendencia dun tempo a esta parte. Esta cámara sobresae un chisco do corpo do dispositivo (apréciase mellor na seguinte imaxe), un punto algo negativo ao pousar o terminal sobre unha superficie e non temos unha funda que a protexa dalgún xeito dos ocasionais riscos.

Con estas imaxes pouco queda por descubrir o día da presentación no aspecto de deseño, polo que o efecto sorpresa esvaécese , como en tantas outras ocasións.

Sobre o autor

Reply