Xiaomi leva algún tempo traballando nunha nova familia de teléfonos que verá a luz nos próximos meses, coñecida como Xiaomi R. Estes novos trebellos chegarán para competir no segmento da gama media e, mentres agardamos por eles, comezan a aparecer as primeiras filtracións.
Tal e como se ve nas imaxes, e a pesar de contar cunha funda que protexe o modelo, pódese confirmar que a pantalla deste novo trebello é alongada e presenta marcos reducidos para acadar ese efecto “pantalla infinita” tan de moda na xeración de teléfonos deste ano.
Debido a isto, é practicamente seguro que os botóns físicos serán eliminados, sendo a primeira vez que acontece isto cun teléfono de Xiaomi. Ademais, polo que parece, os marcos superior e inferior estarán tamén moi axustados, ao estilo Samsung nas súas gamas máis premium.
Outra conclusión que podemos tirar destas imaxes é que o novo teléfono non terá conector USB Tipo C, mantendo o microUSB, así como tamén o jack de audio 3.5 mm.
O que non amosan estas imaxes é o espazo da cámara, polo que a estas alturas descoñecemos se contará cunha ou máis lentes, nin tampouco se disporá de lector de pegadas dixitais, algo que damos por sentado.
Haberá que agardar aínda unhas semanas para coñecer que máis trae este novo modelo de Xiaomi, que seguro que será un forte rival a bater.