Fíltrase o Samsung Galaxy A8+ (2018) antes da súa presentación

Ás portas do fin de ano e co CES 2018 á volta da esquina comezan a sucederse toda unha serie de filtracións arredor dos terminais que teremos no próximo 2018. Unha das últimas vítimas destas miradas indiscretas é o novo Samsung Galaxy A8+ (2018), un modelo, un modelo que vén a sustituír ao actual A7 e que chega nun total de tres variantes en función da memoria RAM e da capacidade da memoria interna.

Entre as informacións que se deron a coñecer destaca a inclusión dunha pantalla infinita FullHD de 6 polgadas con relación de aspecto 18:9, que sen dúbida é un dos elementos que máis chama a atención no terminal. No seu interior leva un procesador fabricado pola propia Samsung, o Exynos 7885, un modelo de seis núcleos con dous principais movéndose a 2,1 GHz e outros catro a unha velocidade inferior. As combinacións de RAM e memoria interna dannos un total de tres variantes, aínda que seguramente non todas chegarán a todos os mercados. Estas son: 4 + 32 GB, 4 + 64 GB e 6 + 64 GB.

A batería sitúase nos 3.500 mAh de capacidade e dispón de carga rápida. No aspecto da conectividade temos o USB Tipo C e o lector de pegadas dixitais, situado na parte traseira ao igual ca no resto de modelos de Samsung con pantalla infinita (S8, S8+ e Note8).

Finalmente, no apartado de fotografía temos unha cámara principal única de 16 megapíxeles, o que destaca co feito de ter incluído un dobre sensor frontal, formado por unha cámara de 16 e outra de 8 megapíxeles.

Haberá que agardar aínda uns días para descubrir o resto de características deste modelo e de outros que Samsung prepara para o seu portfolio de gama media do próximo ano, entre os que xa sabemos que estará o Galaxy A8 (2018), un modelo algo máis pequeno ca o A8+ que vén a sustituír ao A5 (2017). Gardarán algún as na manga?

Sobre o autor

Reply