O Oppo A83 prescinde do lector de pegadas dixitais a favor do recoñecemento facial

Ao igual ca fixo Apple cun dos seus últimos modelos, o iPhone X, o fabricante chinés Oppo vén de anunciar un terminal no que prescinde do escáner de pegadas dixitais e aposta por un sistema de recoñecemento facial como único método de identificación biométrica. Trátase do Oppo A83, un dispositivo que, de primeiras, só vai estar destinado ao mercado asiático.

O Oppo A83 está fabricado maioritariamente en metal e incorpora unha pantalla HD+ de 5,7 polgadas. No seu interior leva un procesador que non foi identificado (aínda que varias voces apuntan ao Helio  P23 de MediaTek), xunto con 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna. A batería é de 3180 mAh.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 13 megapíxeles e unha frontal que queda nos 8 megapíxeles, que dispón de modo beleza para mellorar os autorretratos.

Con esta lista de prestacións o trebello pasaría totalmente desapercibido, mais o realmente relevante é que se trata dun dos primeiros modelos que se suma á  eliminación do lector de pegadas dixitais e aposta polo uso da identificación facial, aínda que a diferenza de Apple non deu moitas claves de como é o seu sistema.

O novo Oppo A83 ten un prezo de arredor de 180 euros e xa está dispoñíbel na tenda online chinesa da compañía, aínda que a súa distribución non comezará até mañá, 29 de decembro.

Sobre o autor

Reply